O partido ecoloxista Equo concorrerá ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro con Más País, a formación que lidera Íñigo Errejón, despois de que o 58,7 por cento da súa militancia avale esta decisión nunha consulta vinculante.
A plataforma que lidera Errejón recibiu 877 votos dos militantes e simpatizantes de Equo (58,7%), fronte aos 387 que apoiaron concorrer aos comicios con Unidas Podemos (25,9%) e outros 230 que apostaron por facelo en solitario (15,4%).
"Afrontamos con esperanza e ilusión un novo tempo político, decididos a sumar con ilusión xunto a unha formación que aposta por que os acordos políticos, os coidados sociais e os coidados ambientais vaian da man", sinala nun comunicado a coportavoz do partido, Toñi Gómez.
Antes de divulgarse o resultado da consulta, catro membros da executiva de Equo presentaban a súa dimisión "en protesta pola absorción" da plataforma ecoloxista por parte do partido de Errejón.
A estas baixas súmase a do exdeputado de Equo, Juan López de Uralde, quen confirmou, nunha mensaxe de Twitter minutos logo de coñecerse o resultado da consulta, que abandona a formación, ao considerar un "erro" o optar polo partido de Errejón.
"Alí onde estea cavarei unha trincheira desde a que seguir loitando en defensa do Planeta", engadiu o exdeputado, quen xa avisara de que, independentemente do que elixisen as bases, el proseguiría con Unidas Podemos.
.@equo ha votado ir con Errejon. Creo que es un error, pero respeto la decisión. Tras diez años de militancia y de duro trabajo para construir Equo, con tristeza digo adiós. Alli donde esté cavaré una trinchera desde la que seguir luchando en defensa del Planeta🌍. Suerte compas!
— Juan López de Uralde (@juralde) September 27, 2019