Lunes. 11.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 11.12.2017
El tiempo

Achan un esqueleto no cemiterio medieval do castro de San Lourenzo da Pobra do Brollón

O esqueleto localizado no xacemento arqueolóxico de Cereixa. PROXECTO ARQUEOLÓXICO CASTRO DE SAN LOURENZO
O esqueleto localizado no xacemento arqueolóxico de Cereixa. PROXECTO ARQUEOLÓXICO CASTRO DE SAN LOURENZO

Os restos óseos rondarían os 1.000 anos de antigüidade ► A tumba estaba escavada sobre a rocha o que permitiría a súa conservación

O equipo do proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo, ubicado na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón, está de parabéns. E é que hai escasos días vén de descubrir un esqueleto humano completo que podería rondar os 1.000 anos de antigüidade. Os seus brazos preséntanse en forma de cruz cun obxecto de ferro na parte dereita que podería tratarse dun simbolo relixioso.

Os restos localizáronse na zona da capela medieval, situada á beira do complexo castrexo, onde tamén se descubriron unhas vinte tumbas, ao longo do presente ano. Pertencen ás de tipo "de orelleiras" por presentar senllas pedras situadas a ambos os dous lados da parte da cabeza para mantela ergueita.

A acidez que caracteriza o solo da comunidade provoca a pulverización dos ósos, o que fai que sexa case imposible a súa conservación

"O cristianismo cre na resurrección, de aí as orelleiras, para que cando esta se producise a cabeza do defunto estivese orientada ao altar", explicou Xurxo Ayán, director do proxecto.

O achado de Atilano, como o bautizaron provisionalmente a falta de coñecer o seu sexo e a modo de recordo do emblemático Supermartes, pode definirse de fascinante. E é que a acidez que caracteriza o solo da comunidade provoca a pulverización dos ósos, o que fai que sexa case imposible a súa conservación. 

A diferenza das outras sepulturas descubertas, esta sitúase nunha fosa, escavada sobre a rocha e sen tapiar, o que permitiu a preservación dos restos, que sitúan entre o século X e XI, ata os nosos días. 

Será o galego Patxi Pérez Ramallo quen se encargará das labores de desenterramento do esqueleto

Será o galego Patxi Pérez Ramallo quen se encargará das labores de desenterramento do esqueleto este vindeiro xoves. Ramallo centra os seus estudos ao redor dos restos óseos que se descobren nas proximidades do Camiño de Santiago. Neste sentido, dirixiu a investigación sobre os ósos atopados no 2015 na catedral compostelá. 

Posteriormente, o achado será traslado a Reino Unido e Alemaña para facerlle unha analítica de Carbono 14 que permitirá datalo. Unha análise que tamén facilitará outra información como o seu sexo ou cal era a súa dieta. Prevese que esté lista para o vindeiro mes de marzo.


O PROXECTO
As escavacións no castro de San Lourenzo comezaron o verán do ano pasado. Trátase dun "poboado fortificado ergueito trala conquista romana para albergar os traballadores nas explotacións auríferas da bisbarra, entre os séculos I-II da nosa era", así o definen desde o seu proxecto arqueolóxico. Xunto a el tamén se construíu unha ermida na honra de San Lourenso na época medieval.

A escavación deste punto chave para a historia da comarca supón unha aposta non só pola recuperación do patrimonio e bens culturais, senón tamén pola importancia de que estes interactúen coa comunidade local e, ademais, constitúa, un recurso turístico sostible para a zona.

Achan un esqueleto no cemiterio medieval do castro de San Lourenzo...