Barreiro Nolla "nace" como poeta cun libro inédito

'Poemas do carricanto' descubre esta faceta do xornalista e tradutor de orixe viveiresa ►Espiral Maior publica este volume de 37 pezas, que foi editado por Armando Requeixo

Fernando Pérez Barreiro. AEP
photo_camera Fernando Pérez Barreiro. AEP

O intelectual de orixe viveiresa Fernando P. Barreiro Nolla desenvolveu numerosos labores. Foi avogado, xornalista da BBC e profesor universitario en Londres. Era quen de falar en doce linguas, entre elas o hebreo e o chinés; traballaba en inglés, español e portugués, pero para os escritos máis íntimos escolleu o galego.

Mantivo a actividade poética durante case medio século, aínda que o seu ritmo era pausado. A súa viúva, Teresa Barro, e o seu sobriño Francisco Silva reuniron 37 poemas inéditos seus. Coa axuda do xornalista Nicolás Vidal, promoveron a súa publicación por parte de Espiral Maior nunha edición coidada por Armando Requeixo, que aparecerá co título de Poemas do carricanto. Será presentado o vindeiro xoves en Ferrol.

Nicolás Vidal apunta que o periplo vital de Barreiro Nolla (Ferrol, 1931) lle permitiu recibir influencias moi variadas para a súa poesía e que ninguén coñecía en Galicia, que van dende "a poesía romántica inglesa nos anos 50 ata a poesía chinesa, nos anos 70".

Nicolás Vidal: "A súa escrita poética non é sentimental, porque Fernando Pérez Barreiro Nolla era moi cerebral"

Barreiro Nolla foi influido por autores como Rosalía, Cabanillas, Rubén Darío, Carvalho Calero ou Noriega Varela, Yeats, Wordsworth, Dylan Thomas ou Seamus Heaney; así como por Zhu Ziqing, Liang Zongdai ou Xu Zhimo. "A súa escrita poética non é sentimental porque era moi cerebral", indica o periodista.

Ás veces responde a preocupacións mesmo políticas, como a Epístola moral a Franco Grande. Vidal advirte de que "Fernando [Barreiro Nolla] foi piñeirista, pero acabaron mal. Era moi crítico con Piñeiro. Discutiron moito, Intercambiaron moitas cartas. Nese 'Epístola' advírtelle ao seu amigo Franco Grande, que era moi piñeirista, porque non se fiaba de Piñeiro".

Esa discrepancia era argumentada nas cartas que intercambiaron ambos os intelectuais.

O Centro Ramón Piñeiro editounas en 2011 nunha edición na que participou tamén Nicolás Vidal. Ademais das cartas —que inclúen as enviadas por Piñeiro á tamén escritora Teresa Barro—, o volume contén unha ducia de textos que reflciten a variedade de temas e a calidade coa que os tocaba: dende reflexións sobre Plácido Castro, a política interior irlandesa ou aspectos técnicos da súa tradución de Macbeth ao galego, de 1973.

A súa relación chegou a preocupalo tanto que lle dedicou grandes tramos das súas memorias, Amada liberdade (Xerais, 2013) a explicar o seu proceso de fascinación e decepción con Piñeiro.

DRAKE. Nese volume, Fernando P. Barreiro Nolla explica que nese volume de lembranzas que era fillo "dun seminarista sen vocación", que se fixo avogado para "regresar a Viveiro e nunca exercer" porque procedía dunha familia poderosa, que tamén era conservadora e xermanófila. O seu pai publicaba aínda "esquelas polas vítimas que causara Drake [o pirata do século XVI]" na costa de Viveiro.

A pesar de pertencer a esa estirpe antibritánica, non dubidou en marchar a Londres dende A Coruña cando soubo que a BBC buscaba redactores para o seu servizo de español. A maiores, como falante de portugués, ocupouse tamén da información nesa lingua.

Daquela, falando xa cinco idiomas, tivo "a sorte de aproveitar a riqueza relampante de estudos vespertinos de todo xénero" que se ofrecían daquela na capital británica. Estudou noregués e hebreo moderno, e mesmo profundou no chinés porque lle abría "un mundo de enormes dimensiones no espazo e no tempo".

Un ano despois de ter un título acreditativo de chinés, empezou estudos universitarios e acabou por ser un experto en Oriente Lonxano. Barreiro Nolla para mellorar a súa pronuncia desa lingua instalou unha antena no seu xardín.

Durante a súa estadía laboral na BBC, compartía traballo con Eduard Punset. O científico asegurou nunha ocasión que Barreiro "no volvía a Galicia porque la había dejado definitivamente atrás; no podía esperar cien o doscientos años a que lo alcanzasen en su interés por la textura del chino, el gallego o el español".

Comentarios