Bruno Villamor repenica as pezas do seu avó, o Gaiteiro de Santo Xusto, nun disco

 

Zoelas, Germán Díaz, Davide Salvado, Os Minhotos, Pepe Vaamonde ou Cántigas e Frores colaboran neste traballo que escolma 13 temas

 

Bruno Villamor. VICENTE ANSOLA
photo_camera Bruno Villamor. VICENTE ANSOLA

"Se eu hoxe son músico profesional, débollo ao Gaiteiro de Santo Xusto, e este libro CD é un xeito de devolverlle parte do que me deu". Bruno Villamor vén de publicar o álbum O Gaiteiro de Santo Xusto, o son da Ulloa, no que escolma 13 das pezas que popularizou o seu avó, Ramiro Villamor, e que son agora repenicadas polo neto e por outros músicos convidados.

Ramiro Villamor García (1913- 1994) naceu en Vilaouriz de Toques e casou para Santo Xusto, en Palas de Rei, unha parroquia que no nomenclátor da Xunta aparece como San Xusto, pero que todos os poboadores da contorna coñecen como Santo Xusto. O seu neto Bruno Villamor Gay (Lugo, 1978) é titulado superior en instrumentos tradicionais polo Conservatorio de Vigo e forma parte de proxectos como Os Minhotos, Cántigas e Frores ou Tango en Xan3iro, que compaxina co seu labor docente.

Hai uns anos, Bruno editou e publicou un libro coa música que o seu avó fixo popular nesa Terra do Medio onde se xuntan as provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, sons que se bailaron na Ulloa, na Terra de Melide, no Deza e nas mesetas centrais de Lugo. "Cando o presentaba, sempre me dicían que qué mágoa non poder acompañalo con gravacións, pero o caso é que non hai apenas rexistros do meu avó, e non me parecía procedente gravalas eu".

Como xa fixera co libro do meu avó, quixen controlar eu todo o proceso, o papel, as fotografías...

Por iso nace agora este disco.Un traballo tamén autoeditado e producido polo propio Bruno Villamor e gravado no estudo Abrigueiro de Arturo Vaquero en Friol. "Como xa fixera co libro do meu avó, quixen controlar eu todo o proceso, o papel, as fotografías, que son de Vicente Ansola e de Patricia Coucheiro, de Antas...".

Polo que atinxe ás músicas, só dúas pezas soan ao xeito tradicional. "As demais levan arranxos que fixen eu, para que se axeitasen ao xeito de tocar dos artistas convidados". Relata Villamor que hai "metade e metade" de xotas e muiñeiras, mais tamén algunha rumba, un valse e un pasodrobe, amais dunha peza adaptada para banda de gaitas na que colaboran os seus alumnos de Cántigas e Frores. Catro das pezas son cantadas, coas letras orixinais do Gaiteiro de Santo Xusto.

O grupo de pandeireiteiras Zoelas de Antas de Ulla e o cantor Davide Salvado, asentado en Liúlfe, en Palas, son algúns dos colaboradores. Tamén, o gaiteiro Pepe Vaamonde, o zanfonista Germán Díaz, o oboísta Marcos Galán, o percusionista Xisco Feijoo ou a cantante Begoña Lorenzo. Asemade, dúas das formacións nas que toca Bruno Villamor, Os Minhotos e Tango en Xan3iro. Estes últimos tocarán algunhas das pezas do disco nun concerto que terá lugar mañá ás 23.30 horas no Clavicémbalo de Lugo.

Sen dúbida, as colaboracións máis especiais son as de Carlos e Xaime Villamor, o pai e un dos tíos de Bruno, ambos os dous fillos de Ramiro, que adoitaban acompañalo co tamboril e co bombo polas festas da contorna e que para este proxecto discográfico volveron coller os seus instrumentos orixinais. "Eu tamén toco con eles a que foi a gaita orixinal do meu avó, co que o resultado é moi, moi especial", aclara.

Comentarios