A curtametraxe galega 'Matria' exhíbese en Estados Unidos

A obra de Álvaro Gago terá catro pases no Festival Sundance, a principal cita de cinema independente do país

 

Francisca Iglesias interpreta a Ramona. EP
photo_camera Francisca Iglesias interpreta a Ramona. EP

Matria, a curtametraxe que trata de visibilizar o "falso mito" do matriarcado en Galicia, dirixido polo galego Álvaro Gago, exhíbese desde este sábado no Festival de Sundance 2018 (principal festival de cinema independente dos Estados Unidos). 

O filme narra en vinte minutos un día na vida de Ramona, unha muller que apenas se comunica co seu marido e que traballa nunha fábrica de conservas. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que lle une coa súa filla e a súa neta para saír adiante. 

En concreto, Matria —producida por Sombriza Films en coprodución con Ringo Media, distribuída por Marvin&Wayne e apoiada por Agadic— terá catro pases no festival este sábado, luns, martes e xoves. 

A cinta pretende desmentir o "falso mito" do matriarcado en Galicia


O filme esta protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón e conta cun elenco conformado por actrices e actores sen experiencia previa.

ARGUMENTO E MENSAXE. Matria narra "un día rutineiro na vida de Ramona, unha muller que traballa nunha fábrica de conservas", tal e como manifestou o seu director, Álvaro Gago. O cineasta revelou que "o diferente ese día que se conta na película é que a súa neta está de aniversario" e "Ramona ten que arranxarse para chegar a darlle un agasallo". É aí cando "xorden os obstáculos da súa rutina que lle impiden seguir adiante". 

Álvaro Gago asegurou que "nun inicio, a curta non estaba politicamente orientada" e que "ese sentimento de compromiso coa muller foi xurdindo aos poucos". A finalidade do director era "transmitir a historia dunha muller que foi importante" na súa mocidade. 

Con todo, a medida que se rodaban as escenas, Gago explicou que "se foi orientando cara a ese obxectivo final" que persegue a obra: "Desmentir o falso mito do matriarcado en Galicia". O cineasta apuntou que este "é un deses mitos que desde pequeniños inculcan aos nenos", a pesar de "non ser verdade". 

O filme trata de "visibilizar esta cuestión" e "pór o punto sobre o matriarcado", para tratar de demostrar que "non existe en realidade o concepto de matriarcado tal e como o queren contar", asegura.
 

Comentarios