Falece o escritor lucense Isidro Novo

Recentemente publicara o poemario 'CO2' e a novela 'O tabú na traslenda' ► Desenvolveu un destacado labor na recuperación de léxico na AELG

Isidro Novo, durante a presentación da súa novela 'O tabú na traslenda' o pasado ano. MARCOS LÓPEZ
photo_camera Isidro Novo, durante a presentación da súa novela 'O tabú na traslenda' o pasado ano. MARCOS LÓPEZ

O escritor Isidro Novo (Lugo, 1951) faleceu este xoves aos 66 anos de idade. Destacado novelista e poeta, empezou a súa carreira literaria en galego con Teaza de brétema, publicado na colección O Barco de Vapor no 1994. Seguiríalle o wéstern Por unha presa de machacantes, os oito relatos de Carne de can, e o libro de poemas Dende unha nada núa, segundo indica a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. 

No 1999 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, publica as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 edita o libro de poemas Esteiro de noites falecidas.

Tamén son obras súas o libro de relatos Cabalos do demo e outros invertebrados (2010), o de viaxes literarias O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar (2010), así como a novela de terror Sinistra Deixa (2012).

Neste pasado ano logo doutro catrenio, volveu co poemario CO2 e a novela O tabú na traslenda.

A maiores dese traballo literario, Isidro Novo era experto en lingua e desenvolveu un destacado labor na recuperación de léxico na AELG.

Comentarios