Domingo. 18.02.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.02.2018
El tiempo

María Castro: "En Pontevedra foi onde me fixen unha muller"

Unha foto promocional de María Castro na obra 'Dos más dos'
Unha foto promocional de María Castro na obra 'Dos más dos'

A actriz viguesa volve a vindeira fin de semana como protagonista da obra 'Dos más dos' á cidade na que estudou a carreira de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. E faino convertida nunha estrela da televisión en España ('Sin tetas no hay paraíso', 'Tierra de lobos')

 

Di que se, por cousas da vida, tivese que poñerse agora a dar clase de Educación Física nun colexio, non tería problema en facelo. Sen embargo é difícil imaxinar a estas alturas a María Castro (Vigo, 1981) fóra do ámbito interpretativo, ao que se adicou mesmo cando aínda estudaba Ciencias da Actividade Física en Pontevedra. Daquela estaba na serie Pratos combinados. Despois viñeron Sin tetas no hay paraíso, Tierra de lobos e Vive cantando. O 27 de xaneiro estará no Auditorio de Afundación como unha das protagonistas da comedia Dos más dos (20.30 horas; 22,60 e 26,60 euros; ataquilla.com). Xunto a ela: Daniel Guzmán (Aquí no hay quien viva), Miren Ibarguren (Aída) e Álex Barahona (Física o química).

Volve á cidade na que estudou a súa carreira.

Pois si. Aí estudei primeiro Ciencias da Actividade Física e do Deporte e despois Maxisterio. E, mira, agora volvo exercendo a miña profesión actual, a de actriz, que non ten nada que ver con todo aquilo. Teño moitas ganas de ver como nos recibe o público.

Que lle evoca Pontevedra?

Que recordos lle trae á cabeza? Moi bos. Penso que, máis ou menos para case todos, os recordos da época de estudante universitario son moi divertidos e te levan a unha etapa na que estabas sempre cos amigos e na que medraches como persoa. Podemos dicir que en Pontevedra foi onde me fixen unha muller, é así.

Profesión
"Encántame o que fago. É o meu soño feito realidade. Pero se tivese que poñerme a traballar como mestra, faríao cun sorriso"

 

Coincidiu na carreira con David López, que despois se converteu en David Amor e que agora tamén triunfa no mundo do espectáculo. Era unha xeración de artistas a de aquela primeira promoción de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Eramos, eramos (ri). David sempre di que se acabou adicando a isto por min. Non é así, adícase a isto porque é bo. Só é certo que eu o levei á axencia que naquel momento me representaba como modelo, a de Dolores Couceiro. Nada máis. O resto xa foi cousa súa.

Sería posible a día de hoxe que retomase a profesión para a que se formou ou é algo impensable?

A ver, a min encántame o que fago. É o meu soño de nena feito realidade. Pero se hoxe tivese que buscarme a vida doutra maneira e poñerme a traballar como mestra, que foi para o que me preparei, non tería ningún problema e faríao cun sorriso. Asegúrocho. Non é tan importante a que te adicas ou non como a actitude que teñas ante a vida. Neste sentido, eu considérome alguén bastante optimista. Agora mesmo síntome absolutamente plena, pero se algún día tivese que ir a dar clase a un colexio ou a un instituto, faríao tamén contenta, porque a docencia sempre me gustou. Quen sabe que pode pasar.

Do mundo do deporte (campioa de Galicia de ximnasia rítmica deportiva e subcampioa de España na modalidade de pelota) pasou ao da moda e de aí ao da televisión, o do cine e o do teatro. Gústalle o escenario ou prefire as cámaras? 

Non prefiro nada. Todo o que ten que ver coa miña profesión encántame. O que máis me gusta é poder traballar. Logo, cada cousa ten o seu intríngulis. É verdade que o teatro ten o plus de que é en directo e de que sentes ao público. Nótalo todo. Iso non o tes nin na televisión nin no cine. O teatro ten ese punto máxico.

A obra
"O bonito de 'Dos más dos' é que a xente se recoñece nos personaxes. Eu dende arriba vexo ao público dándose 'codazos"

 

‘Dos más dos’ é unha comedia que está inspirada nunha película arxentina.

Así é. Na función temos fronte a fronte a dúas parellas moi diferentes entre si que falan, durante unha cea, de como enfrontan a súa relación a nivel sexual. Unha é moito máis tradicional e a outra, que é a miña, é moito máis aventureira. Tanto como para ter probado o intercambio de parellas. Así que tratan de convencer aos outros de facelo e, non só de facelo, senón de facelo entre eles, que ademais son os seus mellores amigos. É unha comedia moi bonita, entre outras cousas, porque presenta situacións coas que moitas parellas se identifican e que o público recoñece. Eu dende arriba vexo á xente dándose codazos. E ollo, que tampouco aleccionamos a ninguén sobre o que se debe facer ou non para rachar coa monotonía. De verdade que convido a todo o mundo a vela porque alá onde fomos funcionou. O público responde dende o minuto un.

Outro xeito de rachar a monotonía: que o mozo lle pida a unha matrimonio en El Hormiguero. Fixéronllo a vostede o pasado mes de novembro. Como lembra aquel momento?

Pois con moitísima emoción. Non tiña nin idea de que ía facer algo así. Non podía nin imaxinalo. Viuno todo o mundo pola televisión, pero para min foi igual de bonito que si estiveramos porque naquel momento só o vía a el. Teño que dicir que dende o principio da miña carreira sempre recibín moito agarimo da xente, así que non me importou compartir ese momento de felicidade con todo o mundo. Se alguén se emocionou con nós, paréceme precioso.

María Castro: "En Pontevedra foi onde me fixen unha muller"