Román Rodríguez: "O Culturgal converteuse no faro da cultura de Galicia"

O Culturgal cumpre dez anos e o conselleiro de Cultura festéxao. Aspira a que a feira siga medrando sen saír de Pontevedra e a que se vaia incrementando o volume de negocio que xera ao seu arredor. "Este é un espazo de encontro para todos", afirma

 

Román Rodríguez. PEPE FERRÍN (AEP)
photo_camera Román Rodríguez. PEPE FERRÍN (AEP)

O CONSELLEIRO de Cultura di sentirse orgulloso de Culturgal. No décimo aniversario da Feira das industrias culturais de Galicia, que se celebra dende este venres e ata o domingo 3 de decembro no Recinto Feiral, Román Rodríguez (Lalín, 1968) pide un desexo: que o evento sexa un referente. Tanto agora como dentro doutros dez anos.

Cumpre o Culturgal dez anos con boa saúde?
O Culturgal é hoxe un proxecto consolidado. Converteuse no principal faro da cultura de Galicia. O seu programa é un proxecto que serve para mostrar que é o que se fai na nosa cultura. E a cultura é unha das bases que existen para crear país. É unha ponte que contribúe a crear vínculos comúns. A todo iso tamén contribúe Culturgal, o maior escaparate do potencial creativo do país. E refírome ás dúas vertentes que ten a cultura: como produto de consumo e como produto artístico.

Cales pensa que son os principais retos da feira de cara ao futuro?
En primeiro lugar, igual que cando falamos da cultura en xeral, a feira ten que ter os pés no chan. Despois, debe mirar cara o futuro. Ten que aspirar a mesturar a tradición coa vangarda. É dicir, partindo sempre do respecto ao propio, debe mirar cara o futuro e plantar cara nivel internacional. Penso que este é o camiño que están a seguir a cultura galega e o Culturgal, que, á fin e ao cabo, son dúas partes dun mesmo corpo. Esa é a dinámica.

Non creo que o evento tocara teito. A cultura galega ten un enorme potencial. Pode ir moito máis alá. E sen saír de Pontevedra

Diría que tocou teito a feira con estes 15.000 visitantes que recibe e os máis de 120 stands que se instalan no Recinto Feiral?
Non, non o creo. A cultura galega ten un enorme potencial, pode ir moito máis alá. Hai que ter en conta ademais que se abre agora un periodo moi interesante, de preparación do Ano Santo Xacobeo de 2021. A nosa cultura ten moitísimo percorrido. É un eido de gran crecemento e iso é algo que queda patente cada ano no Culturgal.

Se a feira segue a medrar, quizais Pontevedra lle quede pequena.
Non ten por que. Pontevedra é unha cidade con moitísima presenza cultural e con moitísimas posibilidades nese sentido. Quero dicir que sempre será posible evaluar os distintos espazos dos que se pode dispoñer na cidade, se houbese necesidade de ampliar as sedes do evento. Tanto se falamos de espazos expositivos como de contedores de actividades. Neste sentido, a Xunta de Galicia leva este ano máis de 20 propostas de diferente tipo á feira entre música, cine e libros. E apostamos por darlle un protagonismo moi especial ao Pergamiño Vindel. A súa exposición é, sen dúbida, o acontecemento cultural máis importante deste ano en Galicia. Ogallá sexa necesario ter que buscar máis espazos que ocupar dentro de Pontevedra. Sería moi bo sinal.

A produción ten un custe económico e, evidentemente, é fundamental que se trate dunha actividade sostible, é dicir, que teña un retorno que permita manter a actividade

Menciona a importante programación de actividades que a Xunta leva este ano ao Culturgal. Como non se apostara desta maneira tan contundente pola feira ata o de agora?
Eu do que podo falar é do que se está a facer hoxe. E o que podo dicir é que, para a Xunta de Galicia, o Culturgal é o sitio indicado no que mostrar que se fai no eido cultural galego hoxe. Polo demais, todos debemos sumar: institucións públicas e privadas, empresas, creadores e público. É un espazo de encontro para todos. A Xunta fai unha aposta moi importante este ano polo Culturgal porque, entre outras cousas, entende que é o ano da súa consolidación, un ano moi especial, o do décimo aniversario. Todos os departamentos administrativos van mostrar os seus proxectos e liñas de traballo. Queremos ensinar que é o que se está a facer dende a Administración autonómica, sen ningunha vocación de facer un monográfico, nin moito menos. Do que se trata, en definitiva, é de mostrar todo o potencial da nosa cultura.

A feira é un éxito de público dende hai anos. Debería centrarse agora en selo tamén en canto a negocio? É o seu capítulo pendente?
Como che dicía antes, a cultura ten dúas vertentes: unha parte artística e de creación e outra de produto de consumo. As dúas son importantes. A produción ten un custe económico e, evidentemente, é fundamental que se trate dunha actividade sostible, é dicir, que teña un retorno que permita manter a actividade. Todos os eslabóns da cadea deben reforzarse para que dea como resultado unha industria forte. Neste sentido, a uns e outros implicados, dende as administracións ás empresas, pasando polo público, debemos ter unha relación cooperativa para sacar a industria adiante. Todos temos a nosa cota de responsabilidade. E aínda hai moito potencial por descubrir.

Teño un desexo para cando chegue a vixésima edición do Culturgal: que dentro doutros dez anos Galicia teña unha cultura da que presumir aínda máis

Ponse habitualmente ao Culturgal como exemplo de éxito na cooperación interinstitucional en Galicia. Deberían colaborar máis as distintas administracións no eido cultural?
Eu sempre aposto pola cooperación. Cantos máis axentes públicos e privados participemos nun proxecto, máis garantías de éxito terá. Isto é así. O Culturgal, efectivamente, é un exemplo. Nesta feira todos cooperamos: a Xunta de Galicia dun xeito moi importante, pero tamén o Concello, a Deputación e as empresas do sector. Temos que estar todos. Nun país, cando se vai por un camiño común, coas diferenzas lóxicas que poida haber, o lóxico é traballar unidos. Só así a sociedade pode avanzar.

Tería algún desexo para o Culturgal do ano que vén?
Teño un desexo para cando chegue a vixésima edición do Culturgal: que dentro doutros dez anos Galicia teña unha cultura da que presumir aínda máis en todo o mundo, cunhas bases absolutamente consolidadas e cun consumo de produtos culturais envexable, que é o que nos fai cidadáns máis libres, mellores e con máis critero.


Programación da Xunta

​A Xunta de Galicia incrementa considerablemente a súa presenza este ano no Culturgal. Ademais de ser a principal entidade patrocinadora do evento (o ano pasado achegou 47.000 euros dos 149.000 que custa a feira), desenvolverá unha vintena de actividades, cando habitualmente as súas propostas eran contadas fóra da instalación do stand institucional. Obradoiros, presentacións, relatorios e proxeccións cinematográficas conforman a achega institucional, que tamén estará presente a través do CGAC, das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, da Agadic e da Fundación Cidade da Cultura. Por outra banda, o Pergamiño Vindel, actualmente no Museo do Mar de Vigo, protagonizará varias das propostas máis importantes da institución na feira.

Comentarios