Xosé Constenla: "As Catedrais é un exemplo de colapso pola turistificación"

Vega gañou o Ramón Piñeiro cun ensaio sobre a aplicación política da xeografía

Xosé Constenla Vega. UVIGO
photo_camera Xosé Constenla Vega. UVIGO

A obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, de Xosé Constenla Vega, resultou este venres gañadora do premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017. A tese de Constenla (Santiago, 1980) é que as análises que fai a a xeografía poden ser aplicadas na adopción de decisións políticas que melloren a vida en común e a nosa relación co territorio.

Este profesor da Universidade de Vigo cre que pasamos dunha multiplicidade de usos do noso espazo a un único orientado ao rendemento económico, o que provocou o colapso que denuncia na súa obra.

Como exemplo pon a praia das Catedrais. Durante séculos, o areal ribadense "tivo unhas funcións recreativa, social, identitaria e ecolóxica" que foron eliminadas para primar as visitas de foráneos, provocando "colapso por turistificación". A consecuencia é que un lugar que estaba dedicado a usos agrícolas, de recreo ou de hábitat para fauna litoral se reconduciu cara a "unha solución espacial capitalista. Foi banalizado ata converterse nun non lugar".

"Nunha fotografía actual do noso territorio atopas vías que cruzan agros fertis, casas por todas partes e naves no medio do monte"

As Catedrais é un modelo que lle permite ler a Xosé Constela o que acontece no conxunto de Galicia. "Se colles unha foto aérea de 1956 ves unha zona produtiva —os agros—, un tecido residual —as aldeas— e unhas vías de comunicación —os camiños—" que respectaban os diferentes espazos e utilizacións. "Nunha foto actual atopas vías que cruzan agros fertis, casas por todas partes e naves no medio do monte", denuncia antes de remarcar que "pasamos dunha estrutura complexa e solidaria a unha estrutura cuha función única de rendemento económico".

Xosé Constela fai un diagnóstico devastador sobre o futuro do noso territorio se continúa "xestionándose coas políticas actuais" que están provocando "un desenvolvemento rural estético e dependente".

Sen embargo, apunta unha solución. Consistiría en recuperar a colaboración entre os elementos que compoñen o territorio. O profesor regresa ao exemplo e fala dos incendios. "Se consideramos o monte como patrimonio cultural poderemos loitar contra os incendios porque ten unha nova función patrimonial, un valor de uso fronte ao valor económico".

Para o premiado "o colapso é unha oportunidade" que esixe unha implicación colectiva "a un nivel micro, de barrio e de comunidade". Consistiría na recuperación "do pavemento dunha rúa ou dun novo xardín".

Constela alude ao "espírito da Pachamama, da terra como nai que hai que coidar" a base de "corresponsabilizarnos do noso barrio, da nosa fraga,do noso río...". A súa proposta é rehabilitar o territorio como "espazo de encontro e convivencia", e non como ámbito de "tránsito de capitais e mercadorías".

O galardoado explicou onte que a finalidade xeral do seu ensaio é "poñer en valor a xeografía como ciencia social que dá respostas" e que se pode implementar na realidade dado que "a maioría dos tratados sobre o país seguen liñas economicistas ou historicistas".

O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dolores Vilavedra Fernández, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto. O galardón, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a editorial Galaxia, está dotado con 3.000 euros e o ensaio gañador ha ser publicado por Galaxia durante o próximo ano.  

DOUTOR. Licenciado e doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña, na Universidad Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega).

Traballou como xeógrafo na consultora Idom. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidad de León na área de Geografía Humana. Paralamente, Constenla desenvolve unha carreira como cantautor. O ano pasado publicou o disco ‘Virada por avante’, que presentou en escenarios de toda Galicia.

Comentarios