Martes. 16.01.2018 |
El tiempo
Martes. 16.01.2018
El tiempo

Xulio Pardo de Neyra: "O galego corre o risco de ser un obxecto de museo"

Xulio Pardo de Neyra. PEPE TEJERO
Xulio Pardo de Neyra. PEPE TEJERO

Comprobou nas aulas de Galego de primaria que os nenos están a aprender unha lingua en perigo de musealización. Para evitalo, propón levar o cinema á escola, para facer do galego unha lingua viva

 

DI QUE moitos dos seus alumnos, e quizais tamén dos demais, non saen das aulas sendo competentes en lingua galega. Iso, unido á falta de estudos sobre a didáctica do galego, levouno a escribir un ensaio titulado Didáctica da lingua e da literatura galegas. O xogo transpositor frente ao cinema galego: dimensión e desenvolvemento educativo, de Edicións Fervenza, que será este mércores presentado no auditorio do Vello Cárcere.

Que foi o que o motivou a escribir este libro?
En primeiro lugar, a falta de estudos sobre a didáctica da lingua e a literatura galegas, do que só hai artigos mália a que o galego leva xa trinta anos de roteiro universitario. E, por outra banda, tamén quixen facer un xogo transpositor con este tipo de ensinanza aproveitando o cine galego, que non entra nunca no ámbito do ensino. En suma, trataríase de que os rapaces aprendesen a falar en galego a través do cine.

A que películas recorre?
A Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, a primeira longametraxe en galego e tamén a dúas curtametraxes, O documento e O cadaleito, baseadas en contos de Ánxel Fole e dirixidas polo cineasta ribadense Enrique Rodríguez Baixeras.

De que xeito poden os alumnos aprender galego con só ver unha película?
Pois vendo a calidade lingüística e literaria que ten o filme en si. Por exemplo, en Sempre Xonxa hai moito galego dialectal. Deste xeito, dáselle entrada a este galego na fala cotiá.

Os nenos convértense en tradutores de galego pero non saen da escola competentes para a súa fala


Tan necesario ve que hai que facer algo co galego para que se aprenda e se fale?
Si porque estase a musealizar unha cultura como se non fose unha lingua viva. Ao final, os nenos convértense en tradutores de galego pero, en cambio, non saen da escola competentes para a súa fala. Por iso, a miña aposta consiste en introducir no ensino primario o cine como fonte de estudio da lingua e da literatura galegas.

Analizando a fala, por exemplo?
Analizando a fala pero tamén outras cousas. Por exemplo, en Sempre Xonxa fanse referencias ao Entroido ourensán, co cal sería tamén un estudio cultural. E tamén se fala da emigración, de como queda baleira unha aldea, co cal faríase un estudio social e emocional. Pero a finalidade sería sempre a mesma: lograr que o galego se convirta nunha lingua viva e que non lle pase como ao latín, que se convertiu nunha lingua morta.

Tan cru ve o panorama?
O galego corre o risco ou mesmo está a ser xa, en certos ámbitos, un obxecto de museo. Os rapaces non saen da escola sendo competentes no uso desta lingua e nas rúas non se escoita falar galego, nin entre adultos nin entre nenos. Imos cara unha competencia mínima no uso desta lingua e, por así dicilo, non se vive en galego porque fálase pouco, especialmente nas cidades, e creo que cada vez vai a menos.

Véxoo moi seguro...
Desgraciadamente, si, e o exemplo téñoo na miña propia casa coa miña filla pequena, que ten só 3 anos. Fálolle constantemente en galego e, non obstante, non consigo que se comunique comigo nesta lingua: só me fala en castelán. Iso é por todo o ambiente externo que a rodea e que lle fai cambiar de lingua. Por iso e polos resultados que estou a ver nas aulas, creo que é necesario utilizar outras técnicas de didáctica —distintas ás habituais, centradas no estudo meramente lingüístico ou gramatical— para conseguir que o galego non se convirta nun obxecto de museo, nunha lingua morta, pese a todo o apoio oficial con que conta e pese a que se use na escrita especialmente para cuestións burocráticas. Pero iso mesmo pasou co latín ata que desapareceu. 

Xulio Pardo de Neyra: "O galego corre o risco de ser un obxecto de...