Domingo. 25.02.2018 |
El tiempo
Domingo. 25.02.2018
El tiempo

Lendoiro reaparece e pide eleccións no Dépor en xuño

O expresidente do Deportivo da Coruña, Augusto César Lendoiro. EP
O expresidente do Deportivo da Coruña, Augusto César Lendoiro. EP

 

A "complexa situación do club" obrígao a "romper o silencio"

 

O expresidente do RC Deportivo Augusto César Lendoiro avogou pola celebración de eleccións á presidencia do club en xuño e pediu ao deportivismo a "máxima unión" nun momento no que o equipo está en descenso e unha parte da afección criticou aos xogadores e mostrou o seu desacordo coa xestión da directiva.

Lendoiro aborda nun comunicado remitido a Efe "a moi complexa situación que está a vivir o Deportivo" e que, sostén, obrígao a "romper o silencio" que mantivo "estes anos respecto dos asuntos deportivos e sociais propios da entidade".

O exdirixente pide no seu texto "dous favores, co fervente desexo" de que lle "sexan concedidos, porque é difícil que se acepte o un sen o outro".

Lendoiro pide a todos os deportivistas que amosen a "unión máxima" e apoien "sen fisuras" o novo entrenador Clarence Seedorf

O primeiro, a "todos os deportivistas" e o segundo, ao presidente que o substituíu no cargo en xaneiro de 2014 tras 25 anos de mandato, Tino Fernández.

"A todos os seguidores branquiazuis pídolles que abandonemos as diferenzas que podamos ter nestes momentos. Debemos mostrar a unión máxima e apoiar sen fisuras ao novo adestrador Clarence Seedorf. Estamos a xogarnos o ser ou non ser. Nin máis nin menos que un posto na denominada 'Mellor Liga do Mundo'", argumenta.

Engade que o deportivismo non pode permitirse "o luxo dunha división" que lle "pode levar ao descenso de categoría e a consecuente perda do 75% do orzamento polos dereitos de televisión". "Sempre dixen, e non vou cambiar a miña opinión por non ser agora o presidente, que só unha cousa é necesaria no fútbol español: que o club estea en Primeira", sostén.

Insiste en que "fóra das diferenzas existentes, que seguro que son moitas e importantes", o Deportivo non pode "dar esa vantaxe aos poucos rivais que tamén loitan por manter a categoría".

"Nós non somos moitos e no básico non podemos estar divididos. É por iso que ofrezo, unha vez máis, a miña experiencia ao servizo do club e desta directiva. Debemos aparcar uns meses todos aqueles temas que nos separan", expón.

Lendoiro pide eleccións no club en xuño: "Sería o prazo mínimo necesario para tomar decisións importantes para a próxima tempada"

Lendoiro "enlaza" esa petición de unidade cunha "solicitude ao presidente Fernández", ao que solicita que "adiante a convocatoria de eleccións nada máis finalizar a liga e celebralas no transcurso do mes de xuño". "Sería o prazo mínimo necesario para tomar decisións importantes para a próxima tempada", comenta o expresidente do Deportivo, club que terá que, como moi tarde, terá que celebrar eleccións en 2019, cando se cumpran cinco anos do mandato de Tino Fernández.

Abunda Lendoiro en que a celebración dunha Asemblea para elixir os membros do Consello de Administración, será "o momento en que todos os ' presidenciables' expoñerán as súas propostas a accionistas, abonados e demais seguidores".

"Unha vez finalizada a tempada pódese falar sen riscos deportivos dos futuribles que cada candidatura presenta para a dirección deportiva, adestrador, xogadores, a máis diso outros temas transcendentes como organigrama da canteira, Cidade Deportiva, ofertas sociais ou grupo de empresas do club", argüe.

O expresidente, que nos anteriores comicios retirou a súa candidatura semanas antes da celebración da asemblea, asegura que aquelas eleccións "foron unha tolemia" e engade que o Deportivo non debe "volver incorrer no mesmo erro de celebralas en plena tempada".

"Non nos esquezamos de que aquilo puxo en serio perigo o ascenso e xerou unha división do deportivismo que, unido á actuación institucional no asasinato de Jimmy, levou á ruptura social da actualidade", sinala.

Lendoiro pecha o seu comunicado "coa seguridade en que a unión e a sensatez imperen" e leven en "volandas a manter ao Dépor no lugar que lle corresponde tanto na esfera deportiva como na social". 

Lendoiro reaparece e pide eleccións no Dépor en xuño