Declaran válido o acordo de pesca con Marrocos pero exclúen o Sáhara

A Xustiza europea considera que o pacto, do que España é o gran beneficiado, non inclúe augas do territorio en conflito, onde faena a frota galega

Pescadores gaditanos parten hacia Marruecos. AEP
photo_camera Pescadores gaditanos parten hacia Marruecos. AEP

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) ditaminou este martes que o acordo de pesca entre a UE e Marrocos é "válido" porque non é aplicable ao Sahara Occidental nin ás augas adxacentes a este, algo que sería contrario ao principio de libre determinación recollido no Dereito internacional. 

Isto afecta á frota galega –especialmente Marín, Vigo e Ribeira– e canaria, que desenvolve parcialmente a súa actividade nesas augas.

A sentenza do tribunal con sede en Luxemburgo pronunciouse con respecto ás conclusións previas do avogado xeral, que concluíu en xaneiro que o protocolo non era válido por aplicarse no territorio do Sahara Occidental. 

O caso foi elevado á Xustiza Europea polo Tribunal Supremo de Reino Unido ante a denuncia presentada pola Organización Western Sahara Campaing (WSC). 

Na sentenza emitida este martes, o TUE declárase en primeiro lugar competente para analizar se os acordos internacionais subscritos pola UE son compatibles cos Tratados e coas normas de Dereito internacional que vinculen á UE. 

En segundo lugar, o tribunal estima que incluír o territorio do Sahara Occidental no ámbito de aplicación do acordo quebrantaría determinadas normas do Dereito internacional, en especial o principio de libre determinación. 

Posteriormente, o ditame subliña que o acordo unicamente é aplicable ás augas baixo soberanía ou xurisdición de Marrocos, que están limitadas ás adxacentes ao seu territorio e comprendidas no seu mar territorial ou a súa zona económica exclusiva. 

Por tanto, a Xustiza europea declara que, dado que o territorio do Sahara Occidental non forma parte do Reino de Marrocos, as augas adxacentes ao Sahara Occidental "non están comprendidas na zona de pesca marroquí". 

Tras estas consideracións, o TUE declara que o acordo sobre a celebración e aplicación do acordo de pesca UE-Marrocos e o protocolo que o acompaña son "válidos" porque non se aplican ás augas adxacentes ao territorio do Sahara Occidental. 

O protocolo de pesca entre a UE e Rabat entrou en vigor en febreiro de 2007 por un período de catro anos e foi renovado en dúas ocasións, a última en 2013. Os gobernos da UE deron a semana pasada 'luz verde' a iniciar as negociacións con Marrocos para renovar o acordo actual, que expira o 14 de xullo deste ano. 

O acordo permite o acceso a augas marroquís a unhas 120 embarcacións comunitarias de once países da UE e España é o Estado membro máis beneficiado. A cambio, o bloque comunitario paga a Rabat 30 millóns de euros ao ano: 16 millóns polo acceso ás augas e 14 millóns para apoiar o sector pesqueiro marroquí. 

Comentarios