Apresado en Liberia un barco vinculado con Vidal Armadores por pesca ilegal 

O buque, que navegaba con documentación "falsificada" na que aseguraba ter bandeira de Indonesia, foi interceptado o 13 de marzo 

O barco F/V Hai Lung, coñecido como Kily, foi apresado en augas de Liberia por suposta pesca ilegal no océano Antártico de pescada negra, especie de gran valor económico.

Nun comunicado, a formación ecoloxista Sea Shepherd asegura que este barco foi coñecido por diferentes nomes como Yele, Ray ou o actual de F/V Hai Lung. Sinala que está na 'lista negra' de diversas organizacións por pesca ilegal e contou con varios propietarios, entre eles Vidal Armadores (Ribeira), que acumula sancións millonarias do Goberno español no marco da operación Sparrow. 

Sea Shepherd indica que este buque é propiedade de Argibay Pérez, ao que vinculan con "a mafia galega" de pesca ilegal de pescada negra, na que se atopa o armazón de Vidal Armadores. 

O buque, que navegaba con documentación "falsificada" na que aseguraba ter bandeira de Indonesia, foi interceptado o 13 de marzo por autoridades de Liberia en colaboración con Sea Shepherd. 

Liberia decidiu apresar a esta embarcación debido a unha "longa lista de violacións" da legalidade e foi levado ao porto de Monrovia "pendente dunha maior investigación", en palabras do ministro de Defensa de Liberia, Daniel Ziankahn, informa a organización ecoloxista. 

Así mesmo, Sea Shepherd sinala que Argibay Pérez foi condenado no pasado por delitos relacionados con pesca ilegal en Australia e Illa Reunión. 

Comentarios