A borrasca Hugo provocará un forte temporal desde hoxe ata o sábado pola tarde 

A cicloxénese deixará fortes ventos, mal estado do mar e precipitacións xeneralizadas

Agardanse ondas de ata nove metros de altura. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Agardanse ondas de ata nove metros de altura. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Unha pequena borrasca moi profunda formouse no centro do Atlántico norte e profundarase de forma rápida e moi intensa, isto é, unha cicloxénese explosiva, que dará lugar desde este venres ao sábado pola tarde á borrasca Hugo.

Esta borrasca provocará un temporal atlántico de vento en boa parte da Península, mal estado da mar e precipitacións xeneralizadas, aínda que non serán moi intensas,

Hugo chegará ao norte de Galicia este venres pola tarde e desde aí avanzará rapidamente cara ao golfo de Biscaia e provocará un empeoramento da mar, ata alcanzar o vento do oeste e noroeste a forza 8 a 9. 

A Aemet, avisa de que se esperan ondas de ata nove metros de altura nas costas do norte de Galicia, de Asturias e Cantabria e de 6 a 8 metros no litoral oeste de Galicia e nas costas do País Vasco. 

aemet

Así mesmo, espérase vento forte ou moi forte do oeste que empezará a soprar tamén o venres pola tarde en Galicia e Asturias. Os refachos máis fortes chegarán a 100 ou 110 quilómetros por hora puntualmente e incluso localmente poderán alcanzar os 120 quilómetros por hora. 

Xa na madrugada deste venres rexistráronse refachos significativos en municipios costeiros como en Cedeira, con 73,2 quilómetros por hora e de montaña como Manzaneda, con 70,6 km/h. 

Así o reflicten os rexistros de Meteogalicia nunha xornada na que Galicia está en alerta laranxa por ventos de máis de 100 quilómetros por hora na provincia de Lugo e de ata 90 ou 100 quilómetros por hora nas de Pontevedra, Ourense e A Coruña. 

A fronte fría activo asociada a Hugo provocará precipitacións xeneralizadas desde o venres en Galicia e estenderanse rapidamente ao resto da Península e tamén a Baleares. A Aemet subliña que estas precipitacións se producirán principalmente pola noite e en xeral non serán intensas. 

O sábado pola noite a borrasca Hugo debilitarase "moi probablemente" e de forma rápida e producirase unha "clara melloría" dos fenómenos adversos: mar, vento e precipitacións. 
 

FLOTA AMARRADA. Parte da flota pesqueira galega permanece este venres amarrada a porto aínda que, en xeral, a maioría saíu a faenar.

En municipios do litoral coruñés como Ribeira, Laxe e O Barqueiro algunhas das embarcacións quedaron amarradas a porto este venres, mentres o resto saíu a faenar. 

Comentarios