Caballero destaca que o novo regulamento do PSOE supón un partido "máis aberto"

O líder do PSdeG considera que o partido gañou en mecanismos democráticos tras o Comité Federal aprobado este sábado

Gonzalo Caballero. XOÁN REY
photo_camera Gonzalo Caballero. XOÁN REY

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que o novo regulamento aprobado este sábado polo Comité Federal do PSOE define un partido "máis aberto", aínda que dota á dirección da facultade para poder construír equipos e "deseñar unha proposta de cambio no país".

Nun comunicado, o PSdeG sinala que Caballero participou na mañá deste sábado no Comité Federal, no que defendeu que o novo regulamento combina "mecanismos de democracia representativa", que permiten "dar goberno" ao partido, con ferramentas de "democracia participativa", que profundan na capacidade de achega da militancia.

Caballero defendeu que a "ampla participación das bases" ten que conxugarse coa "lexitimidade e responsabilidade" que teñen os órganos do partido, especialmente a executiva que encabeza Pedro Sánchez para "conseguir un PSOE máis forte" e "capaz de lograr un cambio de goberno" no conxunto do país.

Tamén asegurou que o PSOE está asentado "como a principal forza política na esquerda" e como "alternativa ao goberno de Mariano Rajoy".

En cambio, sostivo, outras forzas denominadas "emerxentes" están "en retroceso electoral".

Caballero advertiu, ademais, de que os socialistas deben estar "á vangarda das ideas, das persoas e os proxectos" par que non ocorra "que outra forza de dereitas (Cidadáns) tente aparecer como substitución da dereita actual", concluíu.

Comentarios