María José Gómez Rodríguez: "A Consellería do Medio Rural é como a alma de Galicia"

Profesora de inglés, gandeira, alcaldesa, senadora, xefa territorial... e agora conselleira. Así é María José Gómez, a nova responsable do rural da Xunta, que promete unha política de "proximidade" e "diálogo" para mellorar o campo galego. Apoiar a gandaría e a agricultura, ordenar o territorio y pór en valor os produtos de calidade serán os eixos da súa xestión. 
María José Gómez Rodriguez. AGN
photo_camera María José Gómez Rodríguez. NACHO SANTÁS (AGN)

Antes de nada, que tal a estrea na consellería?

Nestes primeiros días puiden confirmar algo que xa intuía. Ademais da gran cantidade de traballo que teñen os técnicos, e que realizan con enorme profesionalidade, a Consellería do Medio Rural é como a alma de Galicia. O noso rural identifícanos e singularízanos como pobo, e desde esta concepción de unión é desde onde debemos traballar.

Vén da política local... Nunha primeira impresión, cal é o principal cambio que percibe entre xestionar nunha e noutra administración?

Ademais de vir da política local, desempeñei esta tarefa nun concello con pouca poboación e eminentemente rural, no que na miña casa podía entrar calquera veciño a calquera hora do día para trasladarme as súas necesidades ou problemáticas. Veño, por tanto, dunha política de contacto directo coa xente, unha forma de facer política na que creo e que intentarei seguir aplicando na consellería con todos os axentes do sector, que me van ter sempre á súa disposición para traballar, desde a colaboración, por mellorar o futuro do noso rural.

Rueda ten fama de apurar os prazos. Cando soubo que ía ser conselleira?

Esa conversa quedará no marco da confianza co presidente Rueda. Pero o que si podo dicir é que, cando o presidente te chama, é porque ten moi ben valorada a súa decisión. Agradezo moito esta oportunidade.

Rueda dixo que vostede non dubidara. Que foi o primeiro que lle pasou pola cabeza cando llo dixo?

Pois pensei moitas cousas. Na miña familia, nos veciños, no Concello... Teño dúas rapazas pequenas e sei que este posto implica unha dedicación constante e que, por tanto, terei menos tempo para dedicarllo a elas. Pero tamén sei que é un reto impresionante e ilusionante, un máster de vida, no que sen dúbida aprenderei moito e tamén agardo poder contribuír, con traballo e novas ideas, ao proxecto do presidente Rueda para que Galicia siga funcionando.

Para a xente que non a coñeza, como se definiría María José Gómez?

Esta é unha pregunta difícil, posto que non me gusta nada falar de min mesma. Desde moi pequena vin como meus pais se levantaban cedo e traballaban duro para poder ofrecerme todas as oportunidades posibles. Ese estilo de vida e carácter creo que me marcou, e por tanto coido que son un pouco o resultado do que vivín: unha persoal normal, traballadora, próxima e sen medo aos retos.

Son unha persoa normal, traballadora, próxima e sen medos aos retos. Agradézolle a Rueda esta oportunidade

Destacaron moito non só a súa orixe rural senón tamén o feito de ter explotacións familiares. Iso da outra perspectiva?

Entendo a miña casuística persoal non como algo especial, posto que coma min hai moita xente en Galicia que nos criamos e formamos grazas ao rural, pero si como un valor. Un valor do que eu me sinto profundamente orgullosa e que defendo onde faga falta.

 Por certo, segue a traballar no campo de cando en vez?

Cos ritmos de vida que tiña como alcaldesa, senadora e, agora, como conselleira, é bastante complexo sacar tempo para calquera outra cousa que non sexa o traballo propio do cargo. Pero si, de vez en cando boto unha man. Non hai moito botamos as patacas de cedo. Para min, o rural, a aldea, é a esencia do que son.

Que liñas mestras quere seguir na consellería neste mandato?

Por suposto, cómpre recoñecer o traballo realizado polo meu predecesor no cargo, o compañeiro José González, a quen lle agradezo o seu impulso normativo e o desenvolvemento de proxectos tractores para o rural. Nesta próxima lexislatura actuaremos, desde a óptica do traballo feito e a posta en marcha de novas actuacións, en tres eixes estratéxicos: o apoio á nosa gandaría e agricultura; a ordenación, xestión e protección do noso territorio, facendo especial fincapé na recuperación da terra agraria; e a posta en valor dos nosos produtos de calidade.

O rural galego é moi amplo e diverso. O primeiro que precisa é xente: como se pode fixar poboación no campo?

Por suposto, este é un traballo transversal, que nos implica a moitos departamentos e administracións. É importante traballar na valorización e prestixio das profesións vinculadas directamente co rural, e facelo desde as xeracións máis novas. Por iso, desde esta consellería apostamos por apoiar a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, unha liña que continuaremos impulsando nos próximos anos, dado que asegura a remuda xeracional.

Outra materia pendente é a ordenación definitiva do noso territorio, con milleiros de parcelas sen dono coñecido, minufundismo... Veremos máis concentracións parcelarias nestes anos?

A través dos instrumentos da nova Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e das concentracións parcelarias estanse mobilizando un total de 35.000 hectáreas desde 2020. O noso compromiso é rematar os procesos de mobilización de terra agraria abertos neste momento ata acadar as 65.000 hectáreas e iniciar outros novos.

Cando podo axudo na casa, porque para min a aldea é a esencia do que son. Non hai moito, botamos as patacas de cedo

Continuará coas liñas básicas desa lei de mobilidade de terras do seu antecesor, que inclúe aldeas modelo e polígonos agrofoestais?

É importante recoñecer o traballo, que implicou a todos os departamentos da Consellería do Medio Rural, na elaboración da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. É un marco que sitúa como prioridade estratéxica a mobilización e recuperación da terra, en especial da terra abandonada ou infrautilizada. Por tanto, seguiremos polo camiño que permita poñer a producir a máxima cantidade de terreo posible, sabendo que isto implica tamén fixación da poboación e prevención contra os incendios forestais.

O sector lácteo atravesa momentos de estabilidade. O seu reto permanente é procesar aquí o leite para xerar valor engadido. Como se pode facer?

Galicia produce case a metade do leite de toda España. Nestes últimos anos fíxose un importante esforzo por aumentar a transformación na nosa comunidade e así xerar máis valor engadido. De feito, a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo márcase como obxectivo transformar en Galicia o 75% do leite que producimos, aínda que actualmente estamos xa por riba do 63%.

Na carne, o principal problema está nos baixos prezos que se pagan ao produtor e tamén que se detecta un descenso no consumo, en parte xeracional. Ten solución esa crise?

Galicia está no podio de produción de carne, tanto en vacún como avícola ou porcina. Para avanzar neste eido foi polo que se propiciou, precisamente, o desenvolvemento da Estratexia do Sector Cárnico Galego. Unha folla de ruta para consolidar Galicia como referente neste ámbito. Trátase de situar a nosa comunidade como rexión de referencia na produción de carne, cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. A valoración do produto, e polo tanto do prezo, é un dos obxectivos clave deste documento.

 Ata que punto preocupa o incremento da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) en Galicia?

En Galicia fixemos os deberes, posto que fomos das primeiras en anunciar a indemnización das mortes de animais por esta doenza. De feito, xa publicamos a orde que regula estas indemnizacións polo sacrificio obrigatorio. Ademais, témoslle reclamado en varias ocasións ao ministerio que conceda axudas para intentar previr esta enfermidade e, por suposto, é prioritario desenvolver unha vacina.

O campo de media Europa saíu ás rúas recentemente para protestar polas esixencias da PAC. Galicia logrou un respiro para as súas explotacións máis pequenas ao flexibilizarse esixencias e prazos, pero parece que só se gañou unha batalla e que a guerra seguirá porque o camiño que marca a UE é claro: un sector primario que non contamine. É posible iso?

O que pedimos é que se entenda a singularidade de Galicia e do agro galego en canto á orografía, edafoloxía, clima ou tamaño das explotacións e a súa dispersión. Para poder explicalo en Europa, o Goberno central debería ser máis sensible ás peticións e alegacións que levamos enviando desde Galicia aos sucesivos reais decretos e ao novo Plan estratéxico da PAC (Pepac). A Xunta de Galicia tentou por todos os medios a simplificación dos requisitos e burocracia da PAC, e aínda despois da aprobación da Pepac e destas normas, insistimos na flexibilización da súa aplicación, a través de escritos consensuados coas principais asociacións agrarias de Galicia e xunto ao resto de autonomías cantábricas. A nova PAC trouxo un exceso de esixencias administrativas, técnicas e burocráticas para as explotacións. E o responsable é o Ministerio de Agricultura.

Para que Europa poda entender a singularidade do agro galego o Goberno central debe escoitar as nosas demandas

Veñen eleccións europeas, nas que a xente apenas vota pero onde Galicia se xoga moitas cousas, sobre todo no campo.

Efectivamente. As decisións que se toman en Europa, no caso dos sectores primarios, afectan dun xeito moi directo ao ámbito local. Ás veces pensamos que as institucións europeas están moi lonxe, pero o que alí se debate ten repercusións sobre o noso día a día. A PAC é un exemplo disto, e por iso desde o Goberno galego defenderemos os intereses de Galicia aquí na nosa terra, no resto de España e en Europa. Porque non pedimos máis que ninguén, pero tampouco menos.

Na agricultura e a gandeiría falta relevo xeracional. Como se pode facer atractivo para os mozos?

Como comentaba antes, apostamos por apoiar a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria. Desde o ano 2009, case 5.000 mozos se incorporaron ao agro galego co apoio da Xunta de Galicia, cun investimento de 164 millóns de euros. Unha formación cualificada, xunto a un reforzo tecnolóxico e o apoio por parte das administracións contribúe, sen lugar a dúbidas, a favorecer esta remuda xeracional.

Somos potencia forestal, pero igual que no leite, non acabamos de lograr valor engadido.

Galicia posúe un sector forestal sólido e valioso. A riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros, dos cales 17.700 corresponden a frondosas caducifolias. Estamos traballando para consolidar esa riqueza, a través de ferramentas de planificación claves, como o Plan Forestal de Galicia ou o Inventario Forestal Continuo. Somos a comunidade de referencia neste sector a nivel nacional e xa lideramos o volume de cortas de madeira. O reto é seguir impulsando este sector, de forma que afondemos na relación entre recurso e produto.

Eucalipto si ou eucalipto non? A polémica é máis actual que nunca co ruido de Altri.

O monte é unha gran riqueza para os galegos. Ata 80.000 familias obteñen rendas del, cun peso importante do eucalipto. En todo caso, apostamos por un monte diverso, con fitos coma o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas e o programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña. Outras actuacións son as axudas para accións silvícolas ou para a creación de superficies de coníferas e frondosas. 

Tendo en conta as condicións climáticas, Galicia vai ser a horta e a despensa de España e de Europa a medio prazo

Galicia ten unha estratexia da horta e hai potencial en novos cultivos que xa se están extendendo, como os froitos vermellos. Hai un potencial nicho de mercado aí?

Máis que de potencial, eu falaría de realidade. A horta é a terceira produción máis importante do agro galego. Precisamente, un dos nosos obxectivos é converter Galicia nun referente da produción hortícola de calidade apostando pola sustentabilidade, a diversidade, a innovación, a profesionalidade e o respecto polo medio ambiente; aspectos fundamentais para poder ofrecer produtos frescos, de calidade e saudables. Tendo en conta as nosas condicións climáticas e de solo, a curto e medio prazo, Galicia vai ser a horta e a despensa de España e de Europa.

 Aproxímase o verán e con el os lumes. Que perspectivas manexan os expertos logo dun outono, inverno e primavera chuviosas?

O Goberno galego fai un importante traballo en canto ao coidado e protección do monte con accións preventivas. Proba disto é o propio Plan de prevención de incendios forestais, que se integra no Pladiga, e que xa está aprobado e en funcionamento. Entre outras cuestións, este plan, dotado con 41,1 millóns de euros (un 6% máis con respecto ao ano pasado), prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas de terreo, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo, o que é unha das principais novidades deste documento. Así mesmo, o compromiso coa estabilización do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais é inquebrantable e demóstrase con feitos: 2.000 profesionais xa están traballando ao longo de 12 meses e outros 1.000 o fan este ano 7 meses, e en 2026 chegarano a facer 9. Desde estas páxinas gustaríame agradecer a súa dedicación e compromiso por protexer e defender o noso ben máis prezado: a terra na que vivimos.

Comentarios