A deputada vilalbesa Sandra Vázquez declara case 33.000 euros do Gordo

A tamén concelleira chairega informou do seu premio de lotería ante a comisión da Cámara 

Sandra Vázquez Domínguez. EP
photo_camera Sandra Vázquez Domínguez. EP

A declaración de bens patrimoniais dos deputados da Cámara galega adoita deixar detalles curiosos. Entre os parlamentarios que cambiaron de situación económica recentemente figura a popular Sandra Vázquez Domínguez, aínda que o seu caso non debese resultar rechamante xa que, como veciña de Vilalba que é, adquiriu lotería do Gordo de Nadal de 2017 no municipio chairego, que foi bañado por unha choiva de millóns. 

En concreto, a tamén concelleira Sandra Vázquez tiña unha participación agraciada con 32.851 euros, segundo figura na declaración feita ante a comisión o pasado 27 de febreiro, correspondente ás modificacións de patrimonio no primeiro ano da X Lexislatura —iniciada en outubro de 2016 tras revalidar Alberto Núñez Feijóo por terceira vez a súa maioría absoluta—. 

Pero non foi a única que rexistrou modificiaciones no seu patrimonio. Catro deputados cambiaron de coche nos últimos seis meses, segundo figura na última publicación do Boletín Oficial do Parlamento (BOP), ao que accedeu Europa Press. Trátase de Luís Bará e Montse Prado, do BNG; e de Marta Rodríguez-Vispo e Daniel Varela, do PPdeG.

Tamén  declarou cambios o vicepresidente da Cámara, o popular Diego Calvo, quen amortizou 30.000 euros da hipoteca, da que quedan pendentes outros 288.006. Ademais, vendeu as súas accións de Repsol, por valor de 4.059,67 euros e achegou 45.000 euros ao seu plan de pensións.

Os 75 deputados do Parlamento galego teñen obrigación de presentar a súa declaración de bens patrimoniais ao comezo da Lexislatura, así como de comunicar os cambios á Comisión do Estatuto do Deputado, que segue sendo a porta pechada, aínda que actualmente o regulamento obriga a publicar o contido.

Comentarios