Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Hijos de Rivera, elixido Emprendedor do Ano 2017

Montoro afirmou na cerimonia de entrega que "España está a vivir o mellor momento da súa historia"

O conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera Quintana, recibe de mans do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o premio Emprendedor do Ano. ZIPI (EFE)
photo_camera O conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera Quintana, recibe de mans do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o premio Emprendedor do Ano. ZIPI (EFE)

O conselleiro delegado de Hijos de Rivera (Estrela de Galicia), Ignacio Rivera, foi galardoado este xoves co premio Emprendedor do Ano 2017 que outorga EY, que cumpre a súa 22 edición, en recoñecemento á súa traxectoria e capacidade de xerar riqueza e emprego en España.

O ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro, entregoulle o premio a Rivera nunha cerimonia, á que asistiron uns 300 empresarios, que se celebrou na Real Fábrica de Tapices de Madrid e na que destacou que "nunca España foi tan sa economicamente como actualmente".

ESPAÑA. O ano 2018 será un ano "moi bo", xa que "España está a vivir o mellor momento da súa historia", en canto a saúde da economía refírese, afirmou.

A balanza por conta corrente, que creceu durante cinco anos consecutivos; a capacidade de España para exportar e ser competitivos nun mundo cada vez máis tecnolóxico; o investimento empresarial de España no mundo así como o aforro empresarial e a súa redución do endebedamento foron outros dos aspectos da economía destacados polo ministro.

Referiuse a estes premios, que son un "recoñecemento" a persoas que "co seu empeño e ilusión afrontan desafíos futuros para facer unha España máis grande".

HIJOS DE RIVERA. Por mor da entrega deste galardón, nun acto no que tamén participou o ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, Ignacio Rivera representará a España na final mundial en Montecarlo, que se celebrará o próximo mes de xuño e no que participarán preto de 60 países.

Hijos de Rivera é unha empresa galega, cento por cento familiar, especializada na produción, comercialización e distribución de bebidas, con presenza en máis de 50 países e con máis de cen anos de historia.

Esta compañía é coñecida por marcas como Estrela Galicia ou Augas de Cabreiroá, entre outras, segundo fontes da organización.

PREMIO. Por outra banda José Luís Ruiz Expósito, socio de EY e responsable do premio Emprendedor do Ano en España, destacou que este galardón é un recoñecemento á "traxectoria do emprendedor, á súa valentía e capacidade de xerar riqueza e emprego".

O premio, que xurdiu en 1986 en Estados Unidos e conta en España co patrocinio de BNP Paribas e a colaboración do IESE, busca apoiar o labor emprendedor dos empresarios.

EY é unha empresa de servizos de auditoría, fiscalidade, asesoramento en transaccións e consultoría.

Comentarios