Juan Viaño aposta por "sanear" a USC para reducir o déficit a 3 millóns en 2022

Presenta a súa candidatura á reelección como reitor da institución educativa compostelana

Juan Viaño. AEP
photo_camera Juan Viaño. AEP

Continuar o proceso de saneamento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de que o déficit quede reducido no ano 2022 a "só tres millóns de euros" e priorizar investimentos en recursos humanos e mellora de infraestruturas son algunhas das liñas nas que se basea a proposta económica de Juan Viaño como candidato á reelección como reitor da institución educativa compostelá. 

Así o trasladou o propio Viaño, que formalizou este xoves en Santiago a presentación da súa candidatura a reitor no Rexistro Xeral da USC. 

Tal e como recolle Juan Viaño nesta proposta económica, é "imprescindible ter as contas saneadas" para que a USC poida "afrontar o futuro", dado que "unha universidade solvente é a mellor estratexia para lograr iniciar os procesos de transformación que necesita a Universidade de Santiago de Compostela". 

Durante o período 2014-2018, lembra Viaño, houbo que facer "un esforzo moi importante para lograr o saneamento económico e financeiro" da institución, que en 2014 tiña unha débeda bancaria a longo prazo de 50 millóns de euros e un déficit acumulado de 16 millóns de euros. 

Durante este catro anos, o goberno presidido por Viaño realizou unha "política de constricción dos gastos de persoal", o que provocou unha redución real de 1,6 millóns de euros neste capítulo. Do mesmo xeito, desenvolveu unha política de "investimentos mínimos", na mesma liña. 

A débeda da USC, no período 2014-2018, reduciuse en 20,5 millóns de euros e o déficit reduciuse en 7 millóns de euros.

SANEAMENTO E INVESTIMENTOS. De cara ao novo período, ao que Viaño preséntase para reeditar o seu posto, a USC "necesita seguir coa súa política de saneamento financeiro", apunta o candidato, aínda que a situación permite "acometer accións de crecemento" para "lograr a transformación da USC e convertela nunha universidade dixital". 

"Ese crecemento debe centrarse nos recursos humanos, tanto no PDI como no PAS. Fai falta ter unha especial atención ao persoal de apoio á docencia, á investigación e á transferencia", recolle a estratexia económica. 

Do mesmo xeito, Viaño aposta por xestionar o crecemento nos recursos de funcionamento común e "aumentar o investimento real nas nosas infraestruturas". "Tamén debemos pór en valor o patrimonio universitario para acometer novos proxectos, como a nova facultade de Ciencias da Educación, para o que precisamos xestionar o alleamento do edificio de Xoán XXIII que ocupa na actualidade parte desta facultade", destaca. 

No próximos catro anos, en materia económica, Juan Viaño propón "ir absorbendo o déficit con recursos orzamentarios en dez anos, para lograr que no ano 2022 quede reducido a só tres millóns de euros" 

Así mesmo, pretende "renegociar a débeda bancaria incorporando 14 millóns de euros para novas accións de investimentos". "Temos a posibilidade real de facer unha negociación que inclúa dous anos de carencia e 8 de amortización. A nova débeda será 6,5 millóns de euros inferior á amortizada no período 2014-2018", recolle a proposta. 

Do mesmo xeito, Viaño busca adiantar ao 2019 o pago dos anticipos reintegrables aprazados, "que na actualidade teñen un elevado custo financeiro"; e "manter as anualidades de devolución dos anticipos reintegrables vixentes". 

Finalmente, aposta por incrementar anualmente o capítulo de persoal, ata chegar a un incremento consolidado no ano 2022 de 4,3 millóns de euros; e incrementar o capítulo de gastos xerais nun 1% para poder acometer os procesos de transformación que require a universidade. Finalmente, a proposta inclúe destinar 16 millóns de euros aos investimentos comúns, "para poder asumir os retos das novas facultades e dos novos equipamentos". 

Comentarios