Miles de mulleres percorren Vigo reclamando igualdade e chamando á folga o 8-M

"Para transformar a vida das mulleres" é o lema da pancarta principal

Varios miles de persoas, sobre todo mulleres de todas as idades, percorreron o centro de Vigo nunha manifestación para reivindicar a igualdade e con chamamentos a secundar a folga feminista do 8 de marzo.

'Para transformar a vida das mulleres' é o lema da pancarta principal, na que se fai un chamamento expreso á folga laboral o próximo 8 de marzo pero tamén ao paro de coidados e de tarefas e de consumo, xa que, segundo defenden as súas promotoras, "se paran as mulleres o mundo párase".

Á manifestación acudiron os líderes dos partidos da oposición en Galicia, Luís Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG), que coincidiron en reivindicar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e cargaron contra as políticas do PP en España e na Xunta.

Elisabeth Pérez, de Galegas 8 M, plataforma convocante da manifestación, resumiu o obxectivo da manifestación. "Estamos para reivindicar na rúa as loitas que temos as mulleres cada día, as dificultades ás que nos enfrontamos. Ademais, facémolo uns días antes do 8-M para darlle moitísima visibilidade á primeira folga internacional de mulleres", sinalou.

Dixo que sería moi difícil poñer o foco nunha soa reivindicación, xa que a sociedade é un "patriarcado" no que as mulleres son "case de segunda categoría", polo que a reclamación básica é "igualdade de condicións e desenvolvemento pleno" como persoas, algo que non sucede no ámbito laboral, no dos coidados, no estudantil... en moitos outros.

Pérez afirmou que o traballo feminista consegue deixar de lado as reivindicacións lexítimas de cada colectivo eu por iso foi "fácil" reunir a tantas mulleres de modo transversal.

Pediu ás mulleres que se unan á folga, aínda que é consciente de que non todas poderán por distintas razóns.

Unha das mulleres que levaba a pancarta principal compartiu estas reflexións e preguntouse: "Cal non é a reivindicación?" para este o día 8 de marzo. "Traballos precarios, menos salario polo mesmo emprego, coidados non remunerados, cargar coa dependencia...", enumerou.

Diante da pancarta principal, e antes de arrincar, un grupo de mulleres animou os preparativos con cánticos que eran replicados polo resto dos asistentes e que se repetiron ao longo do percorrido. 'Fóra, machista, a rúa é feminista', 'Polas que están, polas que non están, polas que perigan', 'Mulleres somos, mulleres seremos pero en casa xamais quedaremos', foron algúns dos cánticos e consignas máis repetidos.

Á marcha uníronse sindicatos, plataformas, asociacións culturais e de todo tipo e tamén os tres partidos da oposición no Parlamento galego, que coincidiron en pedir a igualdade real para as mulleres, acabar coa brecha salarial e demandar ao Goberno medidas efectivas para conseguilo.

Antes do arranque, o portavoz de En Marea, Luís Villares, fixo un chamamento aos homes para abandonar os seus "privilexios" e "acompañar" ás mulleres nas súas reivindicacións a favor da igualdade. Ana Seijas, viceportavoz da formación, pediu ás mulleres que se sumen á folga do 8 de marzo, incidiu na necesidade da eliminación da brecha salarial e pediu que o traballo se faga todos os días, non só en datas sinaladas.

Tamén fixo unha valoración o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Defendeu a igualdade real entre homes e mulleres e reivindicou o compromiso feminista do seu partido. Asegurou que os grandes avances no país a favor das mulleres levan o ADN socialista e pediu que a causa das mulleres sexa prioritaria na axenda política. "Reclamamos ao PP un paso adiante, que non quede parado. E a Núñez Feijóo que se sume aos paros, porque é un pouco esperpéntico que el e Rajoy estean parados e sexa Baltar o estandarte no seu partido a favor das mulleres", concluíu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu sancionar ás empresas que non cumpran a lei de igualdade laboral, ás que paguen menos ás mulleres que os homes polo mesmo traballo e fixo un chamamento á participación na folga do 8 de marzo. Pontón denunciou o "retroceso" en materia de igualdade durante os anos de crises e expresou  a fartura das mulleres polas desigualdades, as violencias e que os gobernos non asuman na súa axenda a igualdade como prioridade política. "O mundo sen mulleres non funciona, pero non é xusto nin democrático que o mundo funcione sobre a desigualdade", concluíu.

Comentarios