Miles de persoas maniféstanse en Santiago contra os recortes na sanidade galega

A marcha estivo encabezada polos líderes das centrais sindicais CIG, CCOO e UXT en Galicia; os portavoces de En Marea e BNG, e representantes da plataforma SOS Sanidade Pública, convocante da protesta

Miles de persoas percorreron na mañá deste domingo as principais rúas do centro de Santiago de Compostela para denunciar o que consideran un proceso privatizador cada vez maior da sanidade pública galega e clamar contra o proxecto de modificación da Lei de Saúde da Comunidade autónoma.

A marcha partiu ao mediodía da Alameda compostelá e estivo encabezada polos líderes das centrais sindicais CIG, CCOO e UXT en Galicia; os portavoces de En Marea e BNG, e representantes da plataforma SOS Sanidade Pública, convocante da protesta.

Á multitudinaria manifestación asistiu tamén o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras que estaba acompañado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta.

Ao termo da marcha os actores Quico Cadaval e Isabel Risco deron lectura a un manifesto no que alertaron do "perigo" no que se atopa a sanidade pública galega.

No documento lido polos citados actores advertíase de que o proxecto de modificar a Lei Galega de Saúde desmantelará, de entrar en vigor, os hospitais comarcais e privatizará a formación á investigación e a innovación sanitaria, entre outras cousas.

O portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, dixo en declaracións que a convocatoria da manifestación trata de mostrar ao Goberno da Xunta "o enorme descontento social e profesional que existe co mantemento dos recortes producidos nos últimos anos".

A modificación da Lei sanitaria traerá consigo, segundo martín, unha diminución da capacidade de atención dos hospitais e un intento de manter a situación de dependencia da Atención Primaria dos hospitais.

Martín afirmou que non só as listas de espera van en aumento senón que o sistema sanitario público de Galicia "está colapsado" na súa totalidade debido aos recortes que se produciron.

O portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública reclamou unha reunión urxente co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para "paralizar" a modificación da Lei de Saúde e abrir un proceso de negociación.

Para Luís Villares, portavoz de En Marea, indicou que mesmo a xente que votou ao Partido Popular "está farta das listas de espera, está farta dos colapsos de urxencias e non se resignan a que lles supriman as áreas sanitarias".

"A cidadanía hoxe congregada temos un desexo compartido, que é o dunha sanidade pública que nos atenda pronto, con profesionais públicos e preto das nosas casas", dixo Villares.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, considerou que a presenza masiva de xente este domingo na rúa demostra que "as políticas sanitarias de Feijóo son un fracaso".

"Hoxe Compostela está a sobordar de galegos e galegas que lle están dicindo non ás políticas sanitarias de Feijóo", dixo.

"O Goberno conservador de Feijóo ten que recibir a mensaxe da rúa, a mensaxe da cidadanía, para corrixir os seus erros, para corrixir as privatizacións encubertas, para corrixir a precarización do emprego sanitario e para corrixir a eliminación das áreas sanitarias", manifestou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que "os recortes e as privatizacións do PP levan a unha deterioración que fai que cada vez o acceso á sanidade pública estea máis cuestionado".

Indicou que os "repagos" provocan que "moitas persoas enfermas non teñan acceso aos medicamentos que necesitan, ademais de censurar o recorte de máis de 3.000 profesionais e 700 camas nos últimos anos.

"O PP non pode usar a maioría absoluta que lle deron os cidadáns para converter a sanidade nun negocio para uns poucos", aseverou.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu que a deste domingo é "unha nova xornada de mobilización para evitar que nos rouben a sanidade pública".

Acusou o Partido Popular de estar inmerso "nun calendario perverso para a privatización da sanidade pública que só xerará maior desatención á poboación galega".

José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT-Galicia, considerou necesario alcanzar un consenso en defensa da sanidade pública, "ante a deterioración do día a día" en aspectos como os servizos de urxencia ou a falta de camas.

Acusou ao PP de levar a cabo "reformas unilaterais que teñen como obxectivo avanzar cara a un modelo privatizador da sanidade pública".

O secretario xeral de CCOO-Galicia, Ramón Sarmiento, esixiu ao Goberno galego que se comprometa coa sanidade pública mediante o reforzo dos persoais sanitarios.

Demandou ao presidente da Xunta que reformule a súa posición respecto das áreas sanitarias en Galicia. "A nosa Administración ten que facerse eco deste inmenso respaldo ao mantemento da sanidade pública", afirmou.

Comentarios