A Xunta celebra que os traballadores de Xustiza corrixan unhas pretensións "ata hoxe inasumibles"

O Goberno galego lamenta que os sindicatos "non consultasen" aos funcionarios durante estes dous meses

Alfonso Rueda. AEP
photo_camera Alfonso Rueda. AEP

A Xunta celebrou este mércores o resultado da votación dos funcionarios da Xustiza galega, que aprobaron a posibilidade de que o comité de folga negocie unha subida salarial por baixo dos 190 euros, unha cifra que a Administración autonómica considera "inasumible". Dos 2.700 traballadores que conforman o colectivo na comunidade, 1.430 acudiron a votar e un 65,87% apoiaron que o comité negocie con maior flexibilidade, por baixo dos 190 euros, unha postura apoiada en todas as cidades.

Nun comunicado, o Executivo autonómico valora que os funcionarios corrixan os sindicatos e manifesten o seu rexeitamento "á súa posición inmovilista". Nesa liña, lamenta que as centrais "non consultasen aos traballadores durante estes dous meses".

O Executivo autonómico chama os traballadores a que reflexionen e valoren a súa oferta

"Os traballadores coñecen a oferta da Xunta e apostan por rebaixar unhas esixencias inasumibles que puxeran os sindicatos e que está claro que non compartían aqueles aos que deberían representar", continúa. Nese sentido, "volve facer un chamamento aos traballadores para que reflexionen e valoren a oferta da Xunta, que supón unha subida do 14% e garántelles quedar sempre por encima da media estatal".

Esta votación prodúcese tras a ruptura das negociacións o pasado luns, cando a oferta lineal da Xunta de subida de 105 euros a todos os corpos aumentou a 133,42 euros para os xestores, 108,42 para os tramitadores e quedou igual para os corpos de auxilio. Os representantes da Xunta ofreceron ao comité de folga dos funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia incluír unha cláusula que garanta que os seus complementos salariais vaian estar sempre na media do Estado, con revisións periódicas.

Entón os sindicatos presentes na negociación decidiron non rebaixar a súa petición dunha subida lineal de 190 euros ao mes, que baixaran o 9 de marzo, e a Xunta asegurou que as negociacións quedaban rotas porque a súa oferta era a última e non volverían chamar os traballadores. Comezaron as medidas de presión por parte dos sindicatos co obxectivo de que o Goberno galego os chame para volver negociar, aínda que a Xunta dixo o luns que non faría esa chamada. 

Comentarios