Sábado. 16.12.2017 |
El tiempo
Sábado. 16.12.2017
El tiempo

O príncipe Harry comprométese con Meghan Markle

O príncipe Enríque posa xunto a Meghan Markle. FACUNDO ARRIZABALAGA (EFE)
O príncipe Enríque posa xunto a Meghan Markle. FACUNDO ARRIZABALAGA (EFE)

A voda celebrarase a vindeira primavera nunha data e lugar aínda por confirmar

 

 

O príncipe Harry de Inglaterra, neto da raíña Isabel II, casará na próxima primavera coa actriz estadounidense Meghan Markle, tras un noivado de máis dun ano, anunciou este luns Clarence House, residencia oficial do príncipe Carlos, herdeiro da coroa británica.

Harry, de 33 anos, e Markle, de 36, coñecéronse en maio de 2016 en Canadá, cando o fillo menor do príncipe de Gales e a falecida Diana de Gales promocionaba en Toronto os Xogos Invictus, nos que participan militares veteranos.

A voda terá lugar na primavera do ano próximo nunha data e un lugar aínda por confirmar, segundo o comunicado oficial.

Isabel II e o duque de Edimburgo están "encantados" coa nova e deséxanlles "felicidades"

O príncipe Harry, quinto na liña de sucesión á coroa británica, comprometeuse coa actriz estadounidense a principios de mes e comunicoullo á raíña Isabel II, engadiu a nota.

O fillo menor de Diana de Gales tamén informou o seu compromiso a outros membros da familia real británica e recibiu o visto e prace dos pais da actriz estadounidense.

A parella, agrega o comunicado, residirá nunha pequena casa adxunta ao palacio de Kensington, onde vive actualmente o príncipe Harry e tamén os duques de Cambridge, Guillermo e Catalina.

Tras o anuncio, o palacio de Buckingham, residencia oficial da familia real, informou de que Isabel II e o duque de Edimburgo están "encantados" coa noticia e deséxanlles "felicidades", mentres que os duques de Cambridge destacaron que foi "marabilloso" coñecer a Markle e velos "tan felices xuntos".

A parella residirá nunha pequena casa adxunta ao pazo de Kensington, onde vive actualmente o príncipe Harry e os duques de Cambridge

A través do pazo de Kensington, os pais de Meghan, Thomas Markle e Doria Ragland, emitiron un comunicado no que expresan a súa "incrible felicidade por Meghan e Enrique".

"A nosa filla foi sempre unha persoa amable e adorable. Vela unirse a Enrique, quen comparte as mesmas cualidades, é unha fonte de gran alegría para nós como pais", engade a nota.

Markle, con residencia en Canadá, onde rodou a serie Suits, foi vista nos últimos días en Londres, o que animou as conxecturas sobre o anuncio do compromiso.

A voda do príncipe Harry pode coincidir co esperado nacemento do terceiro fillo dos duques de Cambridge.

Tras a voda, a actriz levará o título da súa Alteza Real e espérase que a raíña Isabel II lle conceda ao seu neto algún título nobiliario, que compartirá coa súa futura esposa.

En virtude da Lei de Sucesión da Coroa de 2013, o príncipe, ao ser quinto na liña de sucesión ao trono, debía pedirlle permiso para casar á súa avoa, a xefa de Estado.

Meghan Markle casou en 2011 co produtor de cinema Trevor Engleson, do que se divorciou en 2013. 

O príncipe Harry comprométese con Meghan Markle