Unha persecución acaba con cinco detidos tras roubar nun bar de Xove

Os supostos autores do roubo, veciños de Barreiros, foron interceptados pola Garda Civil en San Cibrao

Diñeiro e material incautado aos detidos en San Cibrao. GUARDIA CIVIL
photo_camera Diñeiro e material incautado aos detidos en San Cibrao. GUARDIA CIVIL

Cinco veinteañeros, veciños de Barreiros, foron detidos por axentes da Garda Civil á primeira hora da mañá do domingo, tras unha persecución policial en coche que se iniciou en Xove e que terminou en San Cibrao. Acúsaselles de roubar nun bar da localidade xovense esa noite. Saltou a alarma no local, onde foron gravados polas cámaras coa cara ao descuberto e sen luvas. Os donos avisaron de inmediato ás patrullas, que saíron na súa procura. Tamén se lles investiga con relación a outros delitos. No vehículo, os gardas atoparon moedas e billetes que superan os 3.000 euros. 

Do bar de Xove que supostamente achandaron esa madrugada, tras forzar a porta de entrada, levaron abundante diñeiro en efectivo, incluso o de varias máquinas. Pese ao roubo sufrido, o establecemento abriu con normalidade ao longo destes días.

En San Cibrao, algúns veciños falaban sobre que houbera unha persecución policial o fin de semana. A persecución culminou coa interceptación en Río Covo dun vello Seat Toledo, ao que viñan seguindo desde Xove, tras a suposta comisión dun roubo. 

REXISTRO. No rexistro do vehículo, os gardas atoparon gran cantidade de diñeiro e de moedas –que o dono do bar recuperará–, ademais dunha pata de cabra, un mono ou funda de cor azul e diversas pezas. Primeiro detívose ao condutor e seguidamente ao resto dos ocupantes do turismo, no que escaparían desde Xove ao redor do seis e cuarto da mañá do domingo, día 4. O hostaleiro, tras décadas no sector, nunca sufrira un roubo. 

AUTORES. Polo que respecta aos detidos, trátase de homes da comarca, de entre 21 e 26 anos de idade. Actualmente, tres deles residen en Barreiros, salvo un que vive en Foz e outro, en Outeiro de Rei. 

Exceptuando a un que naceu na Pastoriza, o resto é da Mariña, a maioría nacidos en Ribadeo, ademais dun focense. 

As pescudas proseguen e non se descarta que haxa máis detencións, xa que aos detidos achácaselles polo menos a comisión doutro roubo en Xove –posiblemente nunha igrexa. Ao residir en Barreiros podería relacionárselles con roubos en chalés desta zona.