Opinión

Caderno de extinción

Xaime Toxo chanta un fito na súa traxectoria literaria facendo da súa primeira novela unha viaxe por un mundo que se esgota, e no que só a recuperación da contorna natural pode achegar unha mínima esperanza fronte a unha realidade cada vez máis inhumana e desoladora.
Escena da película 'The road'. EP
photo_camera Escena da película 'The road'. EP

UN MUNDO esgotado. Unha civilización arrasada por unha pandemia. Un home tentando atopar unha contorna axeitada para que un grupo de humanos, anteriormente cidadáns, poidan desenvolver a súa vida dentro da precariedade desa situación. Dende estas tres premisas Xaime Toxo converte o seu debut na novela, tras publicar varios libros de relatos e de poesía, nunha esculca sobre no que se pode converter o noso mundo a pouco que lle sigamos apretando as costuras a este planeta cada vez máis esgotado, mesmo exhausto ante as nosos comportamentos cada vez máis egoístas e insolidarios, xa non só con el, senón con nós mesmos.

70° Norte, editado en Galaxia, non elude o seu sentido de texto límite, de altofalante para quen queira escoitar sobre cara onde imos e para iso un home é o protagonista dun relato que en forma de road-movie converte o seu itinerario nunha sorte de marcha cara a esperanza, aínda que todos sabemos que xa é tarde para ela. Atrás queda unha colonia de seres ante a súa aniquilación, sen apenas recursos, sen liberdade pola situación de violencia na que vive un mundo que xa só se move nun contexto da supervivencia, e cuxa derradeira esperanza é a que mantén ese home na procura dun espazo a setenta graos dirección norte onde poder establecer a súa comunidade para rexurdir dende a natureza. Pero esa natureza será tamén a que dicte as súas condicións, a que dende a súa severidade poña contra as cordas a un ser humano cada vez menos benvido a ese tipo de contornas.

O propio Xaime Toxo non agocha a súa admiración literaria polo estadounidense Cormac McCarthy que, en títulos como A estrada, xa traballou este tipo de relatos no remate de nós mesmos, establecendo unha atmosfera de autodestrución. Por ese vieiro o autor de Bueu quere tamén camiñar, da man dun mestre literario, pero tamén dunha situación como a vivida na pandemia que sofriu a nosa sociedade polo coronavirus, tempo no que se escribiu este texto que ten moito tamén de resultado dunha profunda reflexión sobre en qué estamos a converter o noso mundo, cómo son as nosas relacións e cal é o papel que estamos a ter coa natureza, na que é probable que estea fixada a nosa última palabra como colectivo.

A palabra, o feito de narrar, tamén está moi presente na novela, por un lado na propia escrita de Xaime Toxo, sempre coidadoso no emprego da lingua, cun pletórico vocabulario no que esa palabra cumpre un importantísimo papel como aquilo que nomea, que define a existencia e que aínda por riba se carga cunha fonda posibilidade poética, dada a súa condición tamén de poeta. Pero máis alá da propia escrita da novela, a palabra tamén ten a súa relevancia na propia historia, xa que entre as poucas pertenzas dese home consta un caderno, aí onde apunta os progresos das súas xornadas cara ese punto xeográfico ao norte, un rexistro que serve para distraer as horas, pero tamén como testemuña para o resto da comunidade daquilo que é preciso nomear para saber, precisamente ante unha situación nas que tamén se esgotan as palabras coa perda de poboación, co deixar de falar entre as persoas, nunha especie de proceso inverso ao civilizatorio, que tamén se reflicte na novela a través de elementos como o da caza, empregando armas primitivas, como o arco, a perda da xustiza, quedando esta en mans dunha sorte de xusticieiros con total impunidade.

Todo iso na procura dun futuro que, curiosamente, buscarase non lugar máis afastado a nós. Lonxe da nosa doenza como comunidade, produto dunha masificación territorial que precisa de recursos para o seu mal entendido progreso, de aí que a supervivencia só pode ter lugar en espazos deshabitados, envoltos por unha natureza que será coas súas propias leis a que defina se temos ou non futuro fronte a un colapso civilizatorio do que na nosa realidade xa tivemos uns cantos avisos. Xaime Toxo tamén compuxo como o protagonista o seu caderno da extinción como aquilo ao que aternos ante a nosa deriva como especie. El tamén propón un itinerario posible para todos nós, un vieiro, non tanto de fuxida, como de alerta para que non sexamos as vítimas dunha catástrofe que cada vez semella máis cerca.

Comentarios