Opinión

Camas separadas

O matrimonio de A zona de interese intenta irse de guais porque son os amos da urbanización, como Georgina e Cristiano, pero son uns pailáns e uns nazis
Fotograma de 'La zona de interés' /EP
photo_camera Fotograma de 'La zona de interés' /EP

Poñamos que anda a señora marquesa de Cholmondeley, lánguida e estomballada no sofá de vimbio como se a pintase John Singer Sargent (ese aire de calquera día collo unha tuberculose e me leva Deus) a almorzar un gintonic, ben cargado, na solaina do seu pazo. Pola ventá entra o sol das doce e  pola porta de servizo, en bandexa de prata, a prensa do día e uns melindres que traen directos da feira de Chantada. Non tarda o marqués en aparecer: espeluxado e nunha bata de dragóns finamente bordados. Hainas parecidas no Chino Antonio; esta tróuxoa a avó, cando as guerras do opio, de Cantón. Os ricos teñen cousas vellas que están como novas. En fin, bícanse o xusto, danse os bos días  —nesa orde— e fan agudos comentarios ao ver que saen, sen telo buscado, no xornal. Os típicos piques aristócratas por cantos na familia foron amantes de reis e raíñas. Estes dous sempre deron que falar. Claro, a diferencia de idade. Casar con alguén levándolle vinte anos, fóra de ambientes universitarios ou da presidencia da república francesa, sempre foi cousa que une a moi ricos e a moi pobres. Como aparcar onde lles cadra, pagar só en efectivo ou non escolarizar aos fillos. Rematan o almorzo, levan un pano cas armas da casa aos beizos e collen cada un camiño do seu cuarto, porque algo haberá que facer pola vida, pensando: moi ben nos levamos!

Durmindo en habitación diferentes? Así calquera! Poder escoller é un dos moitos privilexios da xente montada no carto, e así igual compensan que como non se pode ter todo na vida, o que lles gustaría é ter casado por amor, como os pobres. Agás as mozas que nos sitios deprimidos acaban cos vellos por supervivencia. En The Crown (Netflix) os problemas da realeza son ata divertidos. Iso de andar escapando á casa da aldea en Escocia porque vivir nun enorme palacio neoclásico en Londres é unha mazada; todo pensado para impresionar ás visitas pero tardas media hora en ir ao baño, hai mil escaleiras e sempre vai un frío do demo. Como estas casas da aldea que total, xa que se puxeron, déronlle tres alturas, cinco cociñas e pasan o día no garaxe.

Sabela Windsor e Filipe Mountbatten casaran moi noviños e namorados, pasábano de pinga en solleiras illas mediterráneas, pero a ela saíulle o choio este de raíña de Inglaterra, que é de tempo completo, e aló foi a vida en parella. Os típicos que dis: desfrutaron pouco. Os únicos amores que non se desgastan nin avellentan son os perdidos, que ademais nunca acaban de morrer. Hai moitas maneiras de esvaecer unha relación. A destes foi o deber. Sabela diluíse na soberana, que ten que ser perfecta e previsible, e Filipe, que era mariñeiro, deixou toda travesía que non fose coidar dela. Estes tamén dormen cada un no seu cuarto; no medio teñen o de vestirse, onde contan que tal o día, as cousas dos fillos, os terrores nocturnos. É unha forma de amarse como hai tantas outras. Durmir separado dá unha liberdade tremenda, pero por aquela peste do amor romántico, de querer estar sempre xuntos, como as parellas de Soy Georgina (Netflix) ou El corazón de Sergio Ramos (Prime Video), ten mala prensa. Non fai falta quererse tanto.

Os protagonistas de A zona de interese (2023) de Jonathan Glazer —foi Oscar á película estranxeira— pasan as noites na mesma estancia, pero en cadanseu leito de 90. Antes de apagar as luces fan ruídos imitando aos porcos, moi baixiño, sen que escoiten os nenos, en plan broma privada. 

Teñen un aquel de matrimonio de futbolista e influencer; mesma habitación, non sexa que parece que non se queren, pero camas separadas. El, que é o que trae os cartos, ten un bo choio que inclúe a casa: é comandante dese campo de exterminio cerca de Cracovia que non imos citar. Porque hai que meter ese nome nunha urna e non sobalo.

A gran virtude da película é contar o horror por elipse (non hai tiros nin berros: só ruído de fábrica, cinza escarallando as roseiras do xardín) e lembrarnos que os malvados non adoita ser xente glamourosa, brillante ou especialmente fanática, poden ser uns completos peideiros devotos do traballo. El, o comandante, vai a unha festa e vendo o salón cheo pensa: cantos quilos de gas necesitaría para procesar este cargamento? A destempo e emocionado chama á muller para dicirlle que os xefes están encantados con el. Ela pasa, déixame durmir, está cansada. Á mañá rifou con todo o mundo, probou abrigos de peles que lle levaron, nos petos tiña unha barra de labios usada. Que sorte!

Comentarios