Opinión

Os códigos de guirilandia

Ana Cabaleiro propón unha viaxe polo Sahara xunto a un pintoresco grupo de turistas e guías que lle serve para vencellar dous ruralismos, como o que se pode dar na nosa terra e en Marrocos, xeograficamente tan distantes máis, ao mellor, non tanto en canto ás súas esencias
Desierto. EP
photo_camera Desierto. EP

Adica Ana Cabalero o seu novo libro, Xa vemos palmeiras (Xerais), aos seus pais porque "nunca permitiron que na casa se nos castigase sen ir de excursión". E precisamente iso é o que se nos conta, unha excursión dunha semana polas terras de Marrocos formando parte dun curioso grupo de viaxeiros que pecorreron un deses itinerarios que as axencias de viaxes acostuman poñer nos seus escaparates e que combinan visitas a cidades, como Fez ou Tánxer, e rutas rurais por zonas montañosas ou desertos que permiten, deste xeito, achegarse aos dous contextos vitais dese país.

A terceira novela de Ana Cabaleiro tras as gabadas As Ramonas e Deixádenos remar, mereceu o I Premio Exeria de creación literaria. É un relato que agocha moito máis do que poida semellar baixo esa apariencia sinxela, case de novela de aventuras polas terras soñadas africanas, e na que se suceden toda unha serie de andanzas. Esas andanzas permiten destensar certas situacións, converter o relato nunha road movie colectiva que xoga coa mirada occidental cara un país, unha cultura e unha sociedade, ben distinta a ela. É tempo de comparacións, de sorrisos, de perplexidades e de recoñecer unha identidade que, en non poucos casos pode relacionarse cun contexto como o galego e en especial ao seu ámbito rural. Aí é onde Ana Cabaleiro tira da súa orixe, da súa crianza nas terras de Silleda, o que lle permite comparar ambas situacións, vencelladas á vida comunitaria, ao traballo agrícola e gandeiro, tamén as vivencias nos interiores das casas e que aquí se abren aos turistas como un complemento máis da súa economía.

Esa pegada do turista neses territorios é tamén onde se fundamenta un dos activos do relato, ao sinalar de que xeito o turismo occidental, a súa chegada masiva e fagocitaria a todos os recunchos é quen de mudar eses contextos e facer das súas teimas fotográficas de rexistrar todo parte dese novo turismo que deixa pasar as numerosas sensacións que se poden agochar nunha viaxe deste tipo, no seu contacto con outras vidas, con momentos da natureza abraiantes en noites baixo as estrelas, en montañas ou oasis ás portas do deserto.

Todas esas situacións do noso tempo enguedéllanse co que supón o feito de viaxar, e que Ana Cabaleiro enfronta con esa pátina kavafiana na que o importante é o que acontece na viaxe, o desexo de que sexa longo, e non o que hai a súa conclusión. A escritora enche cadernos con todas esas experiencias, apuntes que serán a que a leven anos máis tarde a recuperar esa viaxe, a facer un exercicio de memoria e de recuperación desas notas para recuperar aquelas xornadas, case que soñadas dende nena cando explorar o que significaba África tiña moito de situación inalcanzable, pero que o tempo concretou.

Xa vemos palmeiras ofrece tamén un fantástico desfile de personaxes, dende os poboadores dese territorio, ata os propios compañeiros que formaban parte desa expedición organizada en dous grupos, pasando polos guías e condutores capaces de provocar as máis diversas situacións, sabedora a autora da importancia de que os guías saían bos neste tipo de viaxes, pero iso como todos sabemos é unha cuestión case cabalística.

Os entusiasmos dos descubrimentos, altérnanse con outros momentos menos ledos, pero todos eles forman parte do que supón viaxar, convivir con outras persoas absolutamente descoñecidas, pero que poden deixar alianzas eternas, e todo iso ao longo dun itinerario singular, do que Ana Cabaleiro dá boa conta con non pouca retranca e que dá integrado no relato colectivo, deténdose en cidades e xeografías, contando cousas ben interesantes de cada unha delas, aprendizaxes dunha viaxe que pode abrirse anos despois como un mapa inesquecible polo que volver a camiñar, desta vez para compartilo cos lectores e que tamén é quen de medir a súa autora coa muller que o fixo, abofé que moi diferente á muller de agora, na que a vida mudou moitas cousas, pero na que sempre quedará aquela viaxe a Marrocos, aquela excursión que fixo a nena que quería coñecer África.

Comentarios