Opinión

O silencio da neve

Masha Álvarez acadou o pasado ano o premio de poesía Victoriano Taibo con Dakota, un texto que vén de saír do prelo de Galaxia deixando ante nós unha poética que xorde da experiencia dos tempos vividos nos Estados Unidos e o afouto fío coa memoria e o fogar familiar.
 

UN PÉ en Galicia, dende o xermolo da memoria e a contorna máis íntima, e co outro na experiencia profesional e de vida nos Estados Unidos, é da maneira en que Masha Álvarez constrúe e se explica Dakota, o libro de poemas co que a autora viguesa gañou o Premio Victoriano Taibo de poesía.

Un monllo de poemas que acaba de publicarse polo selo Galaxia para amosar esa dualidade dende a que a poeta, filóloga, mestra e música, nos acolle nese círculo vital para que sintamos o que supón descubrir e vivir nun contexto tan alleo ao acostumado, pero capaz, fronte a ambos, de xerar unha serie de elos que, superada a tensión inicial, xeran un escenario compartido no que se dilúen distancias e mesmo fronteiras, liñas xeográficas que esmorecen ante a contundencia da palabra e a súa capacidade para fixar unha poesía non exenta de narratividade, ao contar a historia de quen ve outra realidade e a conecta co noso contexto galego.

Esa idea dalle un fío común ao conxunto dos poemas dividido en dúas partes. Tratado de París, 1873; feito e data histórica para os Estados Unidos ao servir de recoñecemento da súa independencia. O outro bloque do poemario sería Madison county, nome dun condado do Estado de Illinois. Tanto o histórico como o xeográfico son dous dos activos máis importantes no contido dos poemas e vén subliñar a importancia para os Estados Unidos, por suposto desa data e de moitas outras que fixan os acontecementos da súa curta historia, pero á que os cidadáns norteamericanos lle outorgan unha importancia que marca o seu acontecer diario e moitas das configuracións das súas vilas. En canto ao xeográfico o poemario alude a numerosos espazos físicos, non só cidades senón tamén todo o que supón a idea do desprazamento, o moverse por un territorio que tamén marca en gran medida a propia identidade americana e que é un punto de contacto con nós mesmos. Se deixamos de lado a magnitude daquelas distancias fronte as nosas, ou o estremo do clima, dunha grande importancia na experiencia vivida pola poeta polas baixas temperaturas que se viven nese ámbito do norte dos Estados Unidos, é certo que hai un nexo con esa interrelación entre diferentes espazos xeográficos, como acontece con nós mesmos e os lugares de referencia nas nosas familias, a experiencia da viaxe, o feito da mobilidade está moi presente no libro, así como as relacións dos americanos cos medios de transporte, como non, os automóbiles, pero tamén os avións ou os autobuses.

O outro fío de importancia nese tecido entre xeografías e mesmo entre idiosincrasias é o que xorde da memoria e que Masha Álvarez emprega de xeito intelixente e efectivo para afondar nesa conexión que vai a máis na segunda parte do libro. Un libro que nos fala do "silencio do branco", da capacidade da neve para activar unha burbulla na que permanecer no seu interior fronte ao resto do mundo, unha distancia que a autora enxuga a través da memoria, da activación do que enguedella esas dúas realidades: "A cerdeira de Bembrive/ algodoeiro de Arkansas". A familia, as amizades, xeografías polas que se move a autora e cuxas fronteiras tamén se converten en pó, historias como as que teñen que ver coa emigración e que tan ben xustifican moito do que acontece neste poemario que non deixa de ser o compás que Masha Álvarez seguiu ao longo dos dous anos nos que residiu en Sioux Falls, en Dakota do Sur.

"O silencio do tempo son flores silvestres", escribe dende a perspectiva do poema vencellado a Galicia, lonxe daquelas impactantes nevaradas de Nebraska, onde o silencio tamén reclamaba un protagonismo que se meteu dentro da poeta para sempre. Cada verso tenta atopar ese acubillo da lembranza, a chama do vivido a carón dos que son tempo como nós. Un tempo compartido ao que regresar sempre para mesturar silencios, para medir as súas dimensións e, sobre todo, para que saibamos que "As coordenadas son sempre as mesmas aínda que movades os marcos".

Comentarios