Blog | El Ojo Público

Nanni Moretti, o azoute de Berlusconi

En 2002, antes do 15M, de Occupy Wall Street e das protestas que se estenderon polas democracias liberais, a cidadanía italiana saíu á rúa para confrontar ao presidente Silvio Berlusconi. Todo empezou en Milán, como reacción aos ataques de Il Cavaliere á Xustiza. As concentracións estendéronse por toda Italia. Na manifestación de Roma, coa plana maior de Il Olivo –coalición de esquerdas maioritaria–, no escenario, Nanni Moretti tomou a palabra de último e improvisou un discurso no que arremeteu contra os dirixentes presentes sinalándolles co dedo: "Con estes adestradores, terán que pasar dous, tres ou cinco xeracións para que volva gañar o centroesquerda". Acababa de nacer o Girotondismo.

Nanni Moretti (1953) naceu de casualidade en Brunico, moi preto da fronteira italiana con Austria, pero viviu toda a súa vida en Roma. Desde a adolescencia, tivo tres paixóns: o cinema, o waterpolo e a política. Aos 18 anos empeñou unha colección de selos para comprar a súa primeira cámara Super 8.

Como non tiña estudos superiores, non puido entrar no Centro Sperimentale per a Cinematografia de Roma, así que aprendeu o oficio de xeito autodidacta, experimentando coa súa pequena cámara e un grupo de amigos. Moretti accedeu ao Artigo 28, un vello sistema de incentivos públicos do goberno italiano para captar talento nos novos realizadores. O Estado financiaba ata o 30% da produción das películas, pero non poñían nin un can para a exhibición e distribución.
Entón tirou da extensa rede de cineclubes que operaban en media Europa nos anos 60 e eran especialmente activos en Italia. As súas primeiras curtametraxes, La sconfitta e Paté de bourgeois, exhibíronse no Círculo Nova Esquerda de Roma, e, posteriormente, programáronse no Festival de Venecia como parte dun programa alternativo ao oficial. A través de cineclubes estreou a súa primeira película Io sono un autarchico, que pronto se converteu nunha obra de culto. 
A Associazione Ricreativa Culturale Italiana –aínda en activo e que conta actualmente cun millón de socios–, próxima aos movementos asociativos de esquerdas e á tradición do antifascismo italiano, encargouse da distribución por todo o país en salas de cinema alternativo, asociacións culturais e pequenos teatros. Moretti foise facendo cineasta desde as estremeiras do sistema; pero a súa forza discursiva, falando de si mesmo e da súa contorna, catapultouno ao recoñecemento popular, primeiro en Italia, e moi pronto en todo o universo cinéfilo.

O cinema de Moretti sempre foi autorreferencial, apoiado nunha comedia próxima a Woody Allen, pero cun contido político moito máis directo. El mesmo erixiuse como líder dun movemento de protesta que confrontaba a Berlusconi e aos líderes de esquerda, incapaces de librar a batalla contra un Goberno que rompía vellos consensos na sociedade italiana. Italia dividiuse entre quen admiraba a capacidade crítica e a valentía de situarse na primeira liña do discurso a través das súas películas e do seu posicionamento activo, e entre quen o vía como un ególatra e "a última diva de Italia", como o definiu un crítico de cinema.

'Caro diario' (1993) converteu a súa imaxe de paseante en Vespa polas rúas de Roma en toda unha icona pop e na súa marca persoal.

Moretti xogou con todo isto para elaborar unha filmografía que ía máis aló do esteotipo italiano. Mesturaba realidade e ficción, surrealismo e documental, alta e baixa cultura, a súa vida privada e a súa imaxe pública. Todo iso fixo que o seu cinema cruzase as fronteiras  transalpinas e fose apreciado en toda Europa como algo próximo. En Caro diario (1993) condensou, como probablemente en ningunha outra, esta mestura de referencias, e converteu a súa imaxe de paseante en Vespa polas rúas de Roma en toda unha icona pop e na súa marca persoal. Con Caro diario gañou a Palma de Ouro en Cannes ao mellor director, e foi premio da crítica do Cinema Europeo.

Inmediatamente despois, en 1998, estreou Aprile, unha película sobre un director que trata de fuxir das distraccións que entorpecen o seu proxecto de documental sobre as eleccións italianas nas que gaña a esquerda por primeira vez na historia. Nunha escena absolutamente memorable, Moretti tapa os ollos durante o debate electoral televisado das eleccións posteriores, cando Berlusconi insiste en que os xuíces o perseguen e acusa a  Massimo D’Alema –líder dos socialistas– de mandalo á xudicatura con obxectivos políticos. Moretti fala co televisor: "Reacciona, D’Alema. Contesta. Di algo. Non te deixes comer no asunto da Xustiza, precisamente por Berlusconi. D’Alema, di unha cousa de esquerdas. Aínda que non sexa de esquerdas. Di unha cousa de sentido cívico. Di algo. Reacciona". Aprile vén sendo unha secuela de Caro diario.

Moretti vai ter un fillo e pídelle, falándolle a través da barriga da nai, que espere un pouco para nacer, que ten que facer un documental e non lle vén ben a súa chegada. A súa nai, a súa muller e o seu fillo participan na película facendo de si mesmos. Nunha escena, tamén fronte ao televisor, Moretti saca un porro de marihuana e fúmao diante da súa nai mentres asiste á vitoria de Berlusconi. "Que vou facer?", pregúntalle. Ambos se encollen de ombreiros.

O resultado foi unha película tan pouco sutil que non funcionou nin como propaganda antiBerlusconi nin como experimento de cinema político

Co Girotondismo, o director converteuse nun elemento estraño dos dousmilleiros. Unha personalidade pública, moi recoñecida en Italia e respectada en toda Europa, que toma a palabra e pasa ao activismo político. Algo impensable nas democracias liberais europeas previas á Gran Recesión. Berlusconi é o seu inimigo número un, unha peza de caza maior. Con todo, Moretti non afina o tiro con Il Caimano (2008). Desde a sátira feísta e de trazo groso, pretende expoñer as miserias dun goberno máis preocupado pola propaganda e polo enriquecemento persoal que polo ben común e as políticas públicas do país. A súa caricatura non fai dano. Il Caimano abórdase como a imposibilidade de facer unha película sobre Berlusconi. A primeira intención de Nanni Moretti era realizar o documental definitivo sobre o líder de Forza Italia. Unha imaxe demoledora que puidese ser exportada por Europa adiante e laminase a súa xa deteriorada imaxe pública. O resultado foi unha película tan pouco sutil que non funcionou nin como propaganda antiBerlusconi nin como experimento de cinema político.

Tomou nota e aprendeu do seu erro. En Habemus papam (2012) recupera a crítica que fixo desde o escenario aos líderes de centroesquerda. Fronte a ausencia dun recentemente elixido papa, que non quere asumir a responsabilidade de ser o líder da Igrexa católica e fuxe polas rúas de Roma, o conclave preocúpase máis por gardar as formas e simular que todo vai segundo o previsto que por buscar unha alternativa ao xefe desaparecido. A falta de líderes capaces nos momentos clave é, segundo Moretti, o verdadeiro problema das elites. Habemus papam foi ben recibida polo público e pola crítica europea, que, coa Gran Recesión xa en marcha, entendeu por onde ían os tiros.

O ano pasado Nanni Moretti estreou Tres pisos (2021), a súa 14ª película e a primeira feita a partir dun relato alleo; a novela do escritor israelí Eshkol Nevo. Aos seus 68 anos, e cunha historia máis próxima ao drama familiar de A habitación do fillo (2001) e Mia madre (2015) que a aqueles nos que prolongaba a súa militancia política, céntrase nas miserias de catro familias que habitan un bloque de pisos romano. Non hai respiro cómico nunha película onde el interpreta un papel secundario e pouco autobiográfico. Tres pisos non é o mellor Moretti, pero tampouco é a proba definitiva do seu declive. É unha película menor na que, con todo, intúense escintileos na representación da vida romana que tan ben sabe facer.

Cando Nanni Moretti baixou do escenario no seu discurso girotondista, non se acordaba do que dixera. "Non estaba enfadado. Estaba asombrado. Vinme no escenario e falei. Falei moito? E que dixen exactamente?". Antes de dar un paseo para ordenar os seus pensamentos, pediulle a un amigo que lle lembrase as súas palabras. "Cóntamo coma se fose unha película".

Comentarios