Jueves. 18.01.2018 |
El tiempo
Jueves. 18.01.2018
El tiempo

Días de merda

O matraquiño dos números non funciona desde que era conselleiro Cochón, pero vas ata alí, por se o ano novo obrou a milagre

É AÍNDA NOITE cando chegas ao centro de saúde. Tes sono porque arrastras falta de durmir desde que o luns che deron as tantas vendo como quedaban ás portas para abandonar a academia Roi e Ana War en Operación Triunfo. Que xa vos vale xogar así cos sentimentos da xente. O conto é que sempre tes a esperanza de que a túa ringleira sexa a máis cativa das sete ou oito colas, informes, entrelazadas, que conviven a tal hora no primeiro andar. Alerta spoiler: já.  

"Quen é a última?", preguntas. Ata cinco veces. Están eleados de máis nas súas cousas como para escoitarte. Probablemente levan de dúas a tres horas en pé e a dixestión feita do almorzo. A tope de actividade. Ti, coas lagañas e sonámbula. Quererías sentar e botar unha sesta de cóengo mentres chega a túa quenda. Bouran. Talvez porque moitos oen mal, desculpas. Berrallóns e cunha incapacidade de serie para facer colas. Os galegos nisto somos moi españois e moi pouco portugueses e é unha mágoa.

Levas indo ao Sintrom desde hai dez anos e medio e dubidas de chegar a convertelo algún día nunha rutina. Cada vez, máis cedo. Máis desaxustado. As enfermeiras, máis saturadas. Os teus colegas de pastillas e ti mesma, máis xordos, máis vellos, máis perdidos e máis desconcertados. Ti, máis e máis medicada e encabuxada. Sabes que o matraquiño dos números non funciona desde que era conselleiro Cochón, pero vas ata alí, por se o ano novo obrou a milagre. Se o da carnicería do barrio pode permitirse o seu mantemento, como é que o Sergas non? É unha cinta de papel, non semella unha tecnoloxía tan onerosa e complicada. Queredes Hemodinámica vinte e catro horas e non estamos nin para termar do couso dos números. Sería unha escusa moito mellor ca algunhas das que temos que escoitar.

Tes tempo de construír esta reflexión e todo o teu monólogo interior no entanto alguén che fai caso. Dáche a vez unha señora, mais resulta que lle esqueceu quen lla dera a ela. Hai dúas ou tres veces como produto doutros tantos universos paralelos. Abre o debate. Sempre aparece quen aproveita o caos para tirar tallada e coarse. Para as que non teñades experiencia nos ambulatorios, a técnica é cuspidiña á que empregan nos supermercados aqueles que están no medio de dúas fileiras, á espreita de cal vai máis axiña, para facer un adiantamento antirregulamentario e colocar o seu carriño diante do teu. Empeza a xente a impacientarse. A erguerse os que están sentados, non sexa o demo. Fórmase un tapón. Agora, tampouco son quen de saír os que xa remataron.

"Cincuenta persoas hoxe e a todas lles tivemos que repetir", comenta a enfermeira cando che toca. A túa proba tamén sae fóra de rango, que niso es ben mainstream, e levas dúas picadas no dedo. A muller de diante pregúntase: "Será porque dous días merendei vinte minutos máis tarde?". Dous días. Vinte minutos. Nunca se che ocorreía apuntar tal cousa. Agardas, calada coma un peto, a que lle confirme a enfermeira que iso non ten nada que ver, para quitar ese sentimento de culpa que se che puxo.

Saes á rúa e abriu o día. No primeiro contedor desbotas o cachiño de papel tisú que premías contra o dedo corazón. Está tinguido cunha túa pinga de sangue. Leva o teu ADN. Pensas que sería un comezo ideal para unha novela negra escandinava. Nordic noir de señoras anticoaguladas con vidas de merda, por exemplo.