Blog |

Maquíllate, maquíllate

Kiss explotou o aspecto visual e converteu o inquietante heavy metal nun entretemento global. A banda estadounidense, a máis popular da segunda metade dos 70, actuará o 14 de xullo en Celeiro (Viveiro), no Resurrection Fest

Kiss

EN MAIO do 1970, liquidada a utopía dos 60, catro rapaces ensaiaban nun barrio obreiro de Birmingham diante dun cine especializado en películas de medo. Daquela, o guitarrista suxeriu unha idea que casaba coa escura e pesada sonoridade da banda. "Dixo: 'Se a xente paga para que a asusten, por que non facemos música terrorífica?'", asegurou Ozzy Osbourne, o cantante. En diante, o vocalista tentou cantar coma se fose o mesmo diaño, co respaldo dun grupo que semellaba sacado do averno. O heavy metal acababa de nacer da man de Black Sabbath. Tres anos despois, en Nova York, un par de mozos xudeos, Paul Stanley e Gene Simmons, recolleron o concepto e crearon un espectáculo visual e sonoro que conquistou multitudes. Ou adozárono ata disolelo. Kiss sempre xera debate. 

Nos 70, unha década de expansión estilística do pop, co auxe do rock progresivo, da atmosfera sobre a canción, Stanley e Simmons aspiraban a facer unha música máis directa. Adoraban a banda deseñada de superheroes e as pezas redondas de Beatles e Big Star, da Motown. A chave do seu éxito foi intuír o poder da imaxe. "O rock and roll é americano, pero ninguén o entendeu coma os ingleses. Tocaban mellor, ían mellor vestidos", resumiu Stanley. Malia abrazar un concepto británico da estrela do rock, Kiss imitou o costume de maquillarse de grupos estadounidenses de glam, coma os New York Dolls ou Alice Cooper. "O home sempre se maquillou; facíano os xamáns para as cerimonias relixiosas", explicou Simmons. Pero o dúo foi máis alá e resolveu crear personaxes cos que saír ao escenario. O baixista sería O Demo, nada menos; o guitarrista, o andróxino Mozo Estrela; o baterista, Peter Criss, O Gato, un supervivente das rúas; o guitarra solista, Ace Frehley, o futurista Home do Espazo.

Indisoluble da súa visión do rock —agás nunha discreta etapa entre 1983 e 1996—, a maquillaxe serviu aos líderes de Kiss como vía de escape dunhas infancias duras. Stanley naceu cunha malformación chamada microtia, que o deixou xordo do lado dereito. "En lugar da orella, tiña un vulto", confesoulle o músico a Brian Hiatt, de Rolling Stone. O pícaro tivo que apandar co bullying, e na casa as cousas non ían mellor; seus pais non se podían ver e unha irmá padecía unha enfermidade mental. Simmons, pola súa banda, medrou nunha familia de orixe húngara desfeita pola Segunda Guerra Mundial. Súa avoa e súa bisavoa morreron nun campo de concentración, do que a nai do baixista foi a única supervivente. Entón tentou comezar de novo en Israel, onde casou. Pero o pai abandonou o fogar cando o neno tiña sete anos, e daquela emigraron a Brooklyn. Flòra traballaba arreo nunha fábrica e o cativo pasaba só todo o día. Tamén foi vítima do acoso escolar, mesmo despois de cambiar o seu nome, de Chaim a Gene.

Simmons cuspía sangue falso e ensinaba a súa enorme lingua (13,5 centímetros) tinguida de vermello

A partir da maquillaxe, Kiss levou o aspecto visual ao extremo. Os seus concertos eran espectáculos nunca vistos no circuíto do pop. Simmons cuspía sangue falso e ensinaba a súa enorme lingua (13,5 centímetros) tinguida de vermello. Outras veces, facía o número circense do tragalumes. Stanley cruzaba en voo rasante o escenario. As guitarras botaban fume, a batería parecía suspenderse no ceo. Daquela, comezaron a circular rumores que engrandeceron o mito. "Había a lenda de que Simmons se cortaba a lingua cada noite", explicou Tom Morello, de Rage Against The Machine. Unha azueira dicía que o baixista fixera un inxerto de carne vacún para aumentar a lonxitude do órgano; outra, que cortara o freo sublingual para dotar ao músculo de máis mobilidade. Tamén se dicía que o grupo roubaba nenos, aínda que hoxe non hai no rock un directo máis orientado a todos os públicos ca o de Kiss; hai fogos artificiais, Rock and Roll All Night desata chuvias de confeti.

Desde mediados dos 70, Kiss explotou ao máximo as posibilidades do mercado. No 1976 fíxose célebre con Alive!, a gravación dun recital. Dous anos máis tarde aumentou a súa popularidade cunha película fantástica —só no xénero—, Kiss Meets the Phantom of the Park, na que os músicos combaten a un enxeñeiro maléfico. No 1979, no auxe da música disco, quitou un hit enchepistas como I Was Made For Lovin You. "Eran tan rentables que só Star Wars lles facía sombra", asegura o xornalista Íñigo López Palacios. Desde entón, a banda é unha máquina de facer cartos, que vende camisolas, preservativos, videoxogos, coches —uns Mini pintados coa maquillaxe de cada un dos membros— e cadaleitos. Ao longo dos seus 45 anos de traxectoria, os membros do grupo visitaron na Casa Branca a cinco presidentes dos Estados Unidos: Gerald Ford, Jimmy Carter, Ronald Reagan, Bill Clinton e George Bush. No 1996 anunciaron o seu reencontro. Fixérono cunha rolda de prensa nun portaavións.

A influencia da banda na música popular é discutida, malia a rotundidade dos números: vendeu máis de cen millóns de discos. Pese ao seu éxito, colegas e críticos tomaron o grupo a broma. Nunha entrevista do 1977, Bon Scott explícalle a un xornalista que AC/DC teloneou a Kiss durante unha xira. "Vaia contraste, non?", pregunta o cronista. "Son todo un espectáculo", ri o cantante, antes de insinuar que se trata dunha formación esquecible. "Como se chama o baixista? Que alguén me diga o nome, é famoso", ironiza. Dave Marsh, de Rolling Stone, cre que non hai nada relevante na súa obra agás o refinamento da copia para explotar o mercado. "Kiss tivo a extraordinaria aptitude de adoptar todos os clixés da historia do hard rock e tamén unha completa ausencia de habilidade para crear un novo", argumentou. Simmons —un conservador que admite sen reparo que é membro dunha marca, non dunha banda— contraataca. "O rock vai de ser o que queres ser. Non podería deletrear a palabra credibilidade, nin penso nela", asegurou nunha entrevista. Sen embargo, moitos músicos, e de distinta procedencia, confesan que ver a Kiss foi un rito iniciático. Morello resalta que o grupo é un exemplo de que "cando está ben feito, o rock é unha arte sonora e visualmente excitante". Para Dave Grohl, ex de Nirvana e líder de Foo Fighters, "Detroit Rock City segue a ser a mellor introdución que atopei nun disco (Destroyer, 1976)". O baterista Questlove, da banda de rap The Roots, lembra cando se cruzou con Simmons, aos sete anos. "A historia dese día foi o meu as na manga durante toda a educación primaria", riu o músico.

Mesmo os punks se interesaron polo mito. Joey Ramone, daquela Jeffrey Hyman, asistiu ao primeiro concerto de Kiss, o 30 de xaneiro do 73; The Ramones nacerían no 1974. "Foi a banda máis ruídosa que escoitei nunca", asegurou o vocalista. A sonoridade de Kiss é unha referencia, segundo Fortu, de Obús: "Todos os grupos americanos tentaron imitar ese son", precisou. O crítico Christopher Weingarten apunta algo curioso: a banda que máis explotou a imaxe na historia do rock resultou a primeira referencia para a xeración que, máis tarde, rexeitaría con maior violencia a apariencia da estrela do rock. O grunge é un exemplo de matar ao pai. Mike McCready, de Pearl Jam, recoñece que o guitarrista Ace Frehley foi o seu primeiro ídolo. Antes de Nevermind, Kurt Cobain facía versións de Kiss coas súas Converse All Star lixosas e os seus vaqueiros rotos.

Ata os reis do pop alternativo se renderon, dalgún xeito. Yankee Hotel Foxtrot, de Wilco, é un mito da escena independente do século XXI. O disco contén Heavy Metal Drummer, na que, cun groove de rap por debaixo, Jeff Tweedy canta á mocidade perdida. "Boto de menos a inocencia que coñecín / tocar versións de Kiss fermoso e colocado", entoa. O 14 de xullo, o grupo que fixo do heavy metal un entretemento global tocará no Resurrection Fest, en Celeiro. Os seareiros do rock duro non atoparán nada hostil, nada desafiante. Máis ben unha amable casa do terror e algún que outro temazo. Para desfrutar do concerto, quizais haxa que, por unha vez, non agardar da noite máis do que poida ofrecernos. Quizais para desfrutar de Kiss haxa que volver atrás no tempo e quitar a maquillaxe.

Destroyer
O son guitarreiro de Kiss —aseado polo produtor Bob Ezrin— e a súa ambición pop están en Destroyer. Detroit Rock City, unha minipelícula sonora sobre un accidente de coche que levou a vida dun dos fans do grupo, e King of The Night Time World mostran unha banda de rock engraxada. na primeira, o solo de guitarra de Ace Frehley —suxerencia de Ezrin— ten un incontestable eco flamenco. Tamén está a balada Beth. E God of Thunder, que malia ser escrita por Stanley, reivindica a Simmons como un deus sexual. A portada é obra do debuxante Ken Kelly, autor de Conan o Bárbaro. 

Comentarios