Lunes. 26.02.2018 |
El tiempo
Lunes. 26.02.2018
El tiempo

A néboa como incerteza

'Paisaxes mínimas' de Juan Adrio é un achegamento fotográfico á néboa como parte dun proceso de análise da natureza que leva centrando o seu traballo dende hai anos. Néboa como sensación, pero tamén como identidade dunha terra que se envolve na bruma como indefinición

HAI DIFERENTES maneiras de achegarse á nosa contorna dende calquera eido artístico. Uns creadores diríxense directamente á realidade, sen darlle acubillo á incerteza. Outros mergúllanse no ámbito do abstracto, onde todo pode acontecer. Pero no caso do traballo fotográfico de Juan Adrio este móvese nese gume, nese espazo limiar, onde unha cousa é para deixar de ser. Así o fixo nun espectacular proxecto executado hai anos sobre a liña do horizonte visto dende toda a costa galega. Arame no que o mar remata para abrirse ao descoñecido. Agora, a través dunha escolma de fotografías e diapositivas, realizadas ao longo de numerosos desprazamentos entre Ourense e Vigo, xorde outro deses ámbitos de dúbida, cando a néboa invade montes e bosques, cando o branco imponse ao verde, cando o que está diante de nós comeza a desaparecer.

Paisaxes mínimas, na compostelana galería Luisa Pita e exposta ata o 2 de marzo, é unha atinada reflexión sobre como a natureza modifica as nosas percepcións, como o mutante, o cambiante, participa da nosa realidade provocando un espazo de transformación que, máis aló da súa compoñente conceptual, ten unha alta capacidade estética que se reformula unha e outra vez. Unha néboa que nega a realidade, que disfraza a identidade da mirada orixinal e cada instante que un pasa ante cada unha destas fotografías ten a sensación de que dentro delas estase aínda producindo ese devir natural. Unha captura que o fotógrafo pon ante nós como un instante que se volve eterno. Unha atemporalidade que se metaforiza nese branco que se vai apoderando do conxunto da fotografía producindo unha nova realidade coa que o espectador se enfronta nun desafío.

O emprego do papel fotográfico así como doutro papel empregado habitualmente para facer acuarelas, aquí é readaptado intégrandose nesa mesma percepción producindo no visitante unha dúbida sobre se o que ten diante é unha pintura, unha acuarela ou unha fotografía. Un xogo proposto polo artista que tamén enreda co visitante da exposición cunhas caixiñas de luz que amosan unha diapositiva que activa a súa presenza co paso dese visitante por diante da obra. Neboeiros que te asaltan cando pasas fronte a eles, permanecendo agochados ata entonces.

A paisaxe convértese así nunha sensación mínima, nunha experiencia que se vai reducindo a medida que a néboa se vai facendo máis mesta e envolvéndoo todo con maior firmeza. Todo un eloxio da néboa como disfrace e confusión, a dúbida que todo artista debería artellar na súa obra para enchela de riqueza. Juan Adrio emprega a súa mirada para dubidar e para facernos dubidar tamén a nós, para facer da néboa parte de nós, como ao final é. Unha néboa que caracteriza a Galicia, que se pega a ela para mudarlle a pel, para facela levitar, para movela de sitio, para xogar cunha maxia que buscar noutro espazo límite, o do real e o irreal.

A fotografía, nacida precisamente para deixar constancia do que se ve, é dicir, do real, serve agora precisamente para todo o contrario, para cuestionar o que nós mesmos estamos vendo. Unha condensación do intanxible, daquilo que non deixa de ser un efecto pasaxeiro, fugaz e etéro. Unha compoñente poética da natureza que tamén aquí queda rexistrada na fotografía. A paisaxe como unha caricia, como unha experiencia que está a pasar para caducar ben cedo. E aí é a arte a que propón a dúbida, a néboa como incerteza, como loita coa realidade.

Juan Adrio segue a facer da fotografía un xeito de vencellarse co seu tempo e, a partir da natureza, xerar unha plástica que engaiola, non só polo cuidado e mimo á hora de producir unha exposición, senón polas suxestións que provoca nun espectador que se sinte obrigado a estar alí onde abondan as dúbidas, que é o mesmo que poñerse onde nada é o que parece. Onde sempre debe estar o ser humano.