Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

A resistencia á escritura

Volve presentar ante nós Manuel Darriba un texto límite. Unha narrativa que nos cuestiona a literatura, pero tamén a nós mesmos como sociedade. Non é sinxelo adentrarse nos universos que é quen de artellar o escritor de Sarria, pero un remata co gozo de achegarse a unha conquista.

Elefante. Táboa

POUCOS desafíos tan firmes pode ter un creador, do campo que sexa, como o de ser quen de xerar un universo propio. Un mundo novo no que experimentar a creación de relacións entre os seus habitantes, así como propoñer paralelismos e reflexións sobre a nosa realidade. A iso leva adicado Manuel Darriba nos seus últimos textos, así fixo con éxito en O bosque é grande e profundo (Xerais, 2013), e así vén de facer, nun chanzo máis, con Elefante, tamén editado por Xerais.

Esa conquista literaria que se produce cada vez que nos presenta un texto é a que nos pemite ao chegar ao final darnos de conta da magnitude da empresa, do desafío plantexado para que o lector loite contra unha literatura de confort que aquí aparece esnaquizada nese andar por novos vieiros. Eses camiños son os que se poden entender como unha resistencia á propia escrita, pero sempre a partir dela mesma, un paradoxo resolto con brillantez, pero do que ninguén sae indemne. O autor polo que ten de loita, de saltar cara un abismo no que todo apunta ao fin; e o lector, polo desconcerto inicial, pola loita contra convencións ou clixés xa demasiado transitados. Manuel Darriba aposta en Elefante —non perdan a audacia da súa capa— pola construción dun novo espazo narrativo, un mundo novo no que todo está por crear. O espazo físico e o marco humano, as relacións sociais da comunidade e o da individualidade. A partir de aí é o tempo da linguaxe, da escrita como redención dunha sociedade que non é tanto aquela como esta, isto é, a nosa. O individuo, o poder, a lingua todo iso vai asomando neste camiñar polo escenario dunha sociedade ficticia onde todo se vai conformando ao redor do simbolismo das cousas. "Os filósofos anuncian un tempo onde o inútil terá valor de seu", esta proposición que xorde da redacción dun xornal, anuncia moito daquilo no que se basea este texto, na discusión do simbólico nunha sociedade, das condutas e comportamentos do ser humano para illar a realidade dunha comunidade fronte á que sería a súa última premisa como é a da convivencia a prol do individuo. O baleiro na función dun edificio con forma de elefante, a seca dun río por mor da súa construción, o declive dunha sociedade industrializada. E entre todo iso a palabra, a creación dunha reportaxe por un xornalista na procura da denuncia do baleiro, da inutilidade e o voo do tempo sobre todo iso, e preguntas, moitas preguntas, incertezas abocadas tamén ao baleiro: "É estéril a arte? E o tempo?"

Outro mundo. O país dos urot’oki, un país sen montañas, unha chaira cun tesouro, o patrimonio oral dos seus habitantes. A lingua viva imponse á lingua impresa. E dende aquí Manuel Darriba adéntranos nun apaixnoante debate sobre a lingua e o seu poder na comunidade, a súa valorización como ferramenta, pero tamén como construción da paisaxe: "O logos moldea o mundo á vez que o reflicte", unha paisaxe que se converte en patria que defender e aí o perigo de calquera sociedade a da chegada ao poder dos líderes que fan tremer os cimentos do propio país dende a pureza das súas compoñentes, a abominación do estranxeiro, daquilo que nos faga perder a consciencia da pertenza ao grupo que se debe manter limpo.

E no remate tres novos relatos sobre o tránsito, a relación do ser coa súa contorna e con eles mesmos na intemperie da certeza, onde nada é o que semella, onde todo pode ser para ser contado para ser debullado dende a palabra empregada cun fío poético que se erixe como espello no que verse, tamén no que esvarar se poñemos os pés sen prestarlle a atención precisa. Estes textos son, daquela, un espello fronte o que seguir na esculca do ser humano para o que o que o rodea non é máis que unha metáfora de si mesmo, o relatorio dunha exploración transfronteiriza que as veces inqueda, pero que no gume final devólvenos o que realmente somos.

Comentarios