Blog | Nube tóxica

A vida en chándal

Nestes tempos da ditadura do 'skinny' e 'slim fit', algunhas prendas de roupa compórtanse como a miña bolacha campurriana de Proust

BOTEI PARTE da miña adolescencia en chándal. Saben as deusas que non foi por deporte, senón unha decisión ética e estética. Barata e cómoda. Nese non gustarte nin chisco de cando tes quince ou dezaseis anos, con aqueles pantalóns de punto de algodón, as camisas de cadros de teu pai, a chaqueta de la da avoa ben a tope de bólas, coas botas de montaña e a raia pintada do ollo, ti víaste ata favorecida. E sobre todo, orixinal. Diferente. Erades preto dun milleiro de estudantes no instituto e non había outra vestida coma ti.

ChandalSe algún día me dá por describir unha sociedade utópica nunha narrativa de ciencia ficción, uniformizaría as personaxes de chándal e con calzado amortiguado, quente e transpirable, que non deixase os nocellos á vista a dous baixo cero, a poder ser. Agoiro os días libres e as vacacións por regresar á roupa flexible e aos calcetíns gordos, ás botas brutas. Prendas que son a miña bolacha campurriana de Proust e que teñen sobrevivido estes terribles tempos de ‘skinny’ e ‘slim fit’, de tecidos sintéticos que producen urticaria e de patróns pensados para os corpos de rapazas (delgadas) de trece anos que moi malamente lle van acaer a unha señora adulta e gorda.

Está mal visto ir traballar á oficina en chándal. Disque é roupa para facer deporte, como se vivir non fose abondo deporte de risco. A ninguén se lle abren as carnes se levas as katiuskas, que de toda a vida foron calzado para sacar o esterco, ou un impecable outfit de montar a cabalo como para alternar cos Ortega en Casas Novas. A min sempre me deu no fociño que o conto tiña un aquel de clasismo. Xa desde segundo de BUP e a moda de levar o casco de hípica para ir á clase en Vespa. As do chándal chegabamos en autobús urbano.

O chándal de tactel asociado ao ionqui en rehabilitación. Os que amosan as ragañas do cu de chonis e malotes. O chándal das perrofrautas. Os das amas de casa que o visten baixo o mandilón cruzado de cadros cando saen no Galicia Noticias. Co chándal sucede un pouco como coa bata e o penico, que son obxectos cotiáns que agochamos baixo sete chaves, non vaia ser que nos lembren as vergoñas de hai cinco minutos, cando eramos pobres e miserables e nin se nos pasaba pola cachola que haberíamos estar en manga curta na casa no mes de febreiro.

As miñas supernenas dixéronme que morrera Cody MC

Da dignidade do chándal cantou Martirio en Arreglá, pero informal e escribe a autora da bitácora Domingosenchandal. wordpress.com, unha das olladas máis interesantes da opinión xornalística en castelán dos violentos anos dez do século XXI. Entrementres, ao esmorecer os noventa e cando nos afaciamos a que nos cobrasen un euro polo café que costaba vinte pesos dúas semanas antes, chegounos o chandaleirísimo nu metal.

Seica ao principio foron Anthrax e Public Enemy con Bring the Noise, mais neste recuncho do mundo a xénese escribíronna os Def Con Dos. Cando cheguei a Pontevedra en 2001, o eixo entre Caldas de Reis e Vigo era unha sorte de AP-9 do chándal metal. A semana pasada, Belén e Chus, a miñas supernenas, deixáronme mensaxes de que morrera Cody MC, líder dos numetaleiros vigueses Kannon. Non é que ningunha das tres fósemos súper fans, pero nese precariado que acabamos de estrear aí estaban eles, no noso microcosmos. A tenda Tipo. A sala Camagüey. Falarmos de Iván con hache, o de Sugarless, e Iván sen hache, o de Dismal. Cantar a todo dar no Keops o ‘Imagina’ de Kannon: "Imagina Arabia gobernado por mujeres (...). Imagina que no hay fritos Barbacoa; imagínate reptar como una boa; imagina a Bustamente liado con Cheno"».

Comentarios