Aldaolado reivindicará as "teatreiras valentes" na gala dos Premios María Casares 

María Lado e Lucía Aldao subirán ao escenario o 21 de marzo para ler un manifesto que "non precisa de volume nin rabia para sosterse", senón que "é unha gargallada, un rirse a boca aberta"

Lucía Aldao e María Lado. AEP
photo_camera Lucía Aldao e María Lado. AEP

Aldaolado, o dúo artístico formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao, será o encargado de ler o manifesto do teatro galego durante os XXII Premios María Casares. 

Así, as dúas poetas subirán ao escenario o 21 de marzo para poñer en valor as "teatreiras valentes que levantan a súa voz sen medo contra os abusos, contra o machismo, contra a inxustiza". 

No seu texto, Lado e Aldao sinalan que este manifesto "non é un berro, non precisa de volume nin rabia para sosterse", senón que "é unha gargallada, un rirse a boca aberta". 

Para as dúas poetas, o teatro "é a república da liberdade", xa que "criminalizar a liberdade supón frivolizar o discurso do odio". "O territorio onde podemos matar o rei, fundar unha acrópole de mulleres, brindar con santos ou apóstoles", apuntan.

A xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encargou este texto a Aldaolado polo seu "talento" e a súa traxectoria na poesía escénica, unha innovadora fórmula que mestura música, posta en escea e poemas. 

Noutras edicións, este manifesto correu a cargo de escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xose Queizán e Suso de Toro, así como de xornalistas como Camilo Franco ou Montse Dopico. 

Comentarios