Amancio Ortega retrocede ao sexto posto na lista Forbes, encabezada por Jeff Bezos

A revista calcula ao fundador de Inditex unha fortuna de 70.000 millóns de dólares fronte aos 71.300 millóns de fai un ano

Amancio Ortega. AEP
photo_camera Amancio Ortega. AEP

O galego Amancio Ortega é a sexta persoa máis rica do mundo, segundo a lista publicada este martes pola revista Forbes, na que o empresario español perde dous postos con respecto ao ano pasado.

A publicación estadounidense calcula a Ortega unha fortuna de 70.000 millóns de dólares fronte aos 71.300 millóns de hai un ano, cando xa retrocedera un par de banzos desde o segundo posto do ranking que ocupou en 2016.

Nesta ocasión, o fundador de Inditex perdeu o seu posto como empresario máis rico de Europa, superado polo francés Bernard Arnault, presidente do xigante do luxo LVMH. Cunha fortuna de 72.000 millóns de dólares, Arnault recupera ese título por primeira vez desde 2012.

Por diante deles, o tres primeiros postos son nesta ocasión para o fundador de Amazon, Jeff Bezos (112.000 millóns de dólares); o de Microsoft, Bill Gates (90.000 millóns de dólares); e o financeiro Warren Buffet (84.000 millóns de dólares); todos estadounidenses.

Un total de 29 españois figuran na lista publicada este martes por Forbes, que recolle a persoas de todo o mundo con patrimonios superiores aos 1.000 millóns de dólares, un total de 2.208.

No caso de España, tras Ortega, o segundo lugar corresponde á súa filla Sandra Ortega Mera, cunha fortuna estimada en 6.900 millóns de dólares, o que a sitúa no posto 237 da lista mundial.

Máis atrás aparecen os presidentes da cadea de supermercados Mercadona, Juan Roig (4.500 millóns de dólares), e do grupo de hoteis Iberostar, Miguel Fluxá (4.400 millóns). Ségueos, todos con fortunas de máis de 3.000 millóns de dólares, o presidente de Ferrovial, Rafael del Pino; o construtor Juan Miguel Villar Mir e a súa familia; e o fundador da empresa de casinos Cirsa, Manuel Lao.

Na lista aparecen por primeira vez Tomás Olivo, presidente de General de Galerías Comerciales, cunha fortuna de 2.200 millóns de dólares, e Alberto Palatchi (Pronovias), con 1.100 millóns. 

Comentarios