A Fonsagrada leva doce días convivindo coa neve

"Xa estamos acostumados a esta situación", din algúns fonsagradinos con certa resignación

Así amaneció A Fonsagrada. EP
photo_camera Neve na Fonsagrada. EP

Doce días despois, A Fonsagrada segue cun manto branco. "Aquí estamos acostumados a estas cousas", manifestaba este Martes de Entroido Luís, un veciño da vila da Montaña luguesa, que asegura que hai que poñerlle boa cara ao mal tempo.

Nos mesmos termos se manifestaba na TVG Víctor Lombardía, responsable de Protección Civil, quen atopa certas diferenzas con respecto da primeira nevarada: "Agora dá a sensación de que esta neve é máis húmida e que se vai con máis facilidade. Non agarra tanto como a que caeu días pasados".

De todos os xeitos, aos fonsagradinos non lles queda máis remedio que levar a cousa con resignación. "Pensabamos que xa pasara o temporal e resulta que chega outro", di unha veciña, que lembra que A Fonsagrada está a preto de mil metros de altura. "E, claro, unha espera pola outra", conclúe.

Aínda que resulta previsible que a situación continúe uns días máis e que incluso volva nevar, todos coinciden en que a situación é agora máis levadeira que décadas atrás. "A destes días foi unha nevarada como as de antes, pero hai unha diferenza substancial: agora hai moitos máis medios que antes para facerlle fronte, desde quitaneves a sal ata vehículos máis preparados".

De todos modos, son conscientes das dificultades que conleva pasar dúas semanas cun manto branco. Unha situación que tamén se produce en Pedrafita e noutros puntos da provincia luguesa, onde este martes tamén houbo problemas para a circulación viaria.