Opinión

Grandeza imperial

Soldados

HAI UNHAS  semanas a fundación Gustavo Bueno anunciou, acolleu e publicou a conferencia de quen, dicían, era o seu poñente máis novo: 17 anos. O raparigo ía falar sobre o renacemento do Imperio Español, dicían, e cando vin a nova xa cheirei que non se trataba do nacemento dun Mozart da intelectualidade senón dunha operación de adoutrinamento dun pobre rapaz digna de A laranxa mecánica. Chegoume ler o resumo de prensa e escoitar dez minutos ao chou para confirmar as miñas sospeitas: era o renacido discurso do nacionalismo español, elevado a bestseller por María Elvira Roca e o seu panfleto sobre a Lenda Negra. 

Por sorte no mercado atopamos un antídoto perfecto contra estas andrómenas, Imperios de Krishan Kumar, publicado pola infalíbel Pasado&Presente, sempre alumeada polo xenio de Gonzalo Pontón. O profesor Kumar ten unha desas historias que o autoriza a falar de case que todo, xa que o mesmo que o premio Nobel V.S. Naipaul pertence á minoría hindú de Trinidade e Tobago, educouse no Reino Unido e acadou altos postos académicos nos Estados Unidos. A súa obra enmárcase no crecemento do discurso da historia mundial e en particular da sempre esvaradía noción de imperio, quizais como sinal dun cambio de garda entre Usa e a China. 

A estas alturas da película matino que xa deducirían que Kumar non fala en absoluto do Imperio Español, que queda mergullado —con xustiza e argumentos— no imperio Habsburgo, que se prolongou ata 1918 e ofrece para o historiador un interese moito maior pola súa diversidade cultural e lingüística nun espazo xeográfico relativamente pequeno e polos enormes produtos culturais que xerou dacabalo entre o século XIX e o XX. Acompañan a coroa "imperial e real" os imperios otomán, ruso-soviético-ruso, inglés e francés.

A análise dos dous primeiros resulta con moito a máis interesante. Non hai demasiada información en español sobre Turquía e os seus antecedentes —é xeral a identificación entre turco e árabe cando están ben afastados— e a análise das continuidades entre a Rusia de Pedro I, a Unión Soviética de Lenin e a Rusia de Putin —a quen sempre imaxino montado nun oso como en certa cunca de certa compañeira— é fonda e atinada. 

En canto ao Imperio Francés, o autor comparte a perspectiva paradoxal que moitos temos: como puido construír un imperio que supuña a subordinación de millóns de persoas un estado baseado na liberdade, a igualdade e a fraternidade? A resposta, en realidade, non é complexa pero os detalles que fornece Kumar fana apaixonante. Estrañamente o capítulo máis coxo semella ser o dedicado ao Imperio Británico, onde falta un contexto para o lector que descoñeza o desenvolvemento básico daquela unidade política —e que se pode actuar nun libro excepcional de Piers Brendon— e se entra en disquisicións máis complexas de seguir para o lector español. 

Da lectura da obra de Krishan Kumar podemos tirar a clara conclusión de que o imperio non é unha forma xeopolítica extinguida senón todo o contrario. E se facemos unha lectura máis particular serve para inquirir sobre a onda de ultranacionalismo hispano e reivindicación da grandeza imperial que vivimos. Xa hai anos o profesor Beramendi constatou que a nacionalización española fracasou ao asociar identidade e patriotismo cun proceso democratizador e un desenvolvemento económico suficientes como para afianzar unha base social que fixese que outras fidelidades ficasen desprovistas de interese. Deberían aprender os imperialistas españois as leccións do fracaso ideolóxico dos "países de nuestro entorno" e as parvadas cúranse lendo obras excelentes como a de Kumar.

Comentarios