Margarita Ledo recibe en Pontevedra o Premio Otero Pedrayo

É a primeira muller galardoada con este premio, entregado no Museo de Pontevedra

Margarita Ledo recolle o premio Otero Pedrayo. TWITTER
photo_camera Margarita Ledo recolle o premio Otero Pedrayo. TWITTER

A escritora e cineasta Margarita Ledo recibiu este luns en Pontevedra o Premio Otero Pedrayo, convocado anualmente desde 1977 pola Xunta de Galicia e o catro deputacións provinciais para recoñecer a traxectoria de personalidades que contribuísen a fomentar a cultura galega.

Ledo, nacida en Castro de Rei en 1951, é a primeira muller galardoada con este premio, que foi entregado no transcurso dunha cerimonia celebrada no Museo de Pontevedra coincidindo co 130 aniversario do nacemento do propio Otero Pedrayo.

En nome do xurado, a escritora Fina Casalderrey cualificou a Margarita Ledo como unha muller "intelixente, tenaz, transgresora e independente" e destacou que se trata dunha persoa "coherente" coas súas conviccións, que conta cunha sensibilidade "non finxida" e que sempre se mostra "segura de si mesma e leal consigo mesma".

Casalderrey engadiu que o xurado apoiou a súa elección pola súa faceta como intelectual "comprometida" co seu país desde moi novo e por unha traxectoria profesional "moitas veces ao contraxeito" na que tivo sempre a Galicia, a cultura e o idioma galego como "referencia imprescindible".

Tras recibir o premio, dotado con 16.000 euros e cunha escultura da artista pontevedresa Elena Colmeiro, Margarita Ledo enxalzou a figura de Otero Pedrayo e destacou a influencia que tivo o autor ourensán, cuxa cadeira ocupa agora ela na Real Academia Galega, na súa propia traxectoria xornalística, investigadora e política.

A galardoada tamén centrou gran parte do seu discurso na súa posición a favor dos dereitos das mulleres, loita que equiparou ao papel xogado por Otero Pedrayo nos tempos da II República, quen sendo deputado nas Cortes, lembrou, "dixo si ao dereito das mulleres a votar, a ser cidadás plenas".

A este respecto, Ledo reivindicou que "máis aló" da semana do 8 de marzo as mulleres sigan loitando por "chamar a atención" sobre os "mecanismos visibles e latentes" que buscan afianzar a "submisión e desprezo" das mulleres, "labrando toda caste de desigualdades" no ámbito persoal, laboral, público e privado. "A morte e a violencia contra as mulleres é o signo dun abismo que só un xiro político colectivo é capaz de derrotar", sinalou.

O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Na súa intervención para pechar a cerimonia, Carmela Silva destacou a figura de Margarita Ledo como un "expoñente" da cultura e a "excelencia" do noso país e quixo enxalzar elementos "crave" da súa traxectoria como a defensa da lingua galega e a difusión da cultura no exterior.

A presidenta aproveitou o seu discurso para reivindicar "unha vez máis" a necesidade de visibilizar a "valía" e o "esforzo" das mulleres, ao entender que este premio é un "exemplo" do "arraigamento" que aínda ten o "sistema patriarcal", xa que en corenta anos de historia "nunca recoñecera o traballo dunha muller".

O ano 2018, engadiu Silva, será "especialmente significativo" á hora de visibilizar ás mulleres no ámbito da cultura, ao dedicarse o Día das Letras Galegas á profesora María Victoria Moreno e o Día Mundial da Poesía a Xohana Torres, tras anos nos que estas figuras femininas foron "historicamente relegadas".

Comentarios