Opinión

O dereito ás pensións

TODOS OS dereitos actuais dos cidadáns son froito dunha construción que se foi operando paso a paso ao longo da historia. Nos referidos á socialización dos nenos en escolas públicas, dámonos conta da relativa novidade na consolidación deste que, hoxe, é un dereito. Somente nos últimos 60 anos, pasouse dun ensino infantil non obrigatorio (tampouco era universal) a selo até nun período de tempo de máis dunha década. Mesmo hai aínda, no Estado español, persoas da miña idade analfabetas, sen contar os analfabetos funcionais, mesmo con papeis de ensino. No caso das pensións dáse unha corrente de construción do dereito á pensión de xubilación, un retiro remunerado por un fondo público, case coas mesmas bases de razoamento político que o dos nenos a receberen educación pública e universal: o feito de seren cidadáns con obrigas e dereitos nunha sociedade determina que os poderes públicos (por eleición) asumen a cobertura das necesidades sociais por definición (pódese ler así en todas as Constitucións occidentais, nunhas con máis énfase que noutras). As persoas que non están na etapa produtiva son de tres tipos. Os nenos, cidadáns menores que non poden por lei traballaren: antes dos 16 anos na lexislación española. Os maiores, que por pasaren dunha idade legal non poden estar traballando de forma remunerada no mercado laboral: normalmente despois dos 65 anos. E o conxunto de persoas que, a pesar de estaren en idade de traballar, non poden demostrar que traballan e non poden cotizar no rexime xeral da Seguridade Social (nen nos especiais) nen pagar impostos vinculados á produción. Este último colectivo formado maioritariamente por mulleres (aínda que non exclusivamente) é moito mais amplo do que podería aparentar. Ademais, é numeroso, en sociedades menos desenvolvidas ou menos homologadas, desde a perspectiva do modelo comunitario de economías de industrialización madura. Quérese dicer que hai máis abundancia na Galiza, na economía galega, de casos singulares que non encaixan no modelo normalizado de inserción no mercado laboral, que pode haber en Cataluña, Euskadi ou en Franza. Se pensamos en mariscadoras, redeiras, labregas, axudas familiares de autónomos de todo tipo (incluídas ás das clínicas médicas particulares non asalariadas), en traballadoras a tempo parcial de actividades temporeiras, as do mercado en negro de actividades legais, e outras ilegais, computamos un bon colectivo social exterior á 'normalidade' de asalariado que cotiza os anos de vida activa nun posto estábel, e con xubilación remunerada, dada a contribución ao fondo público. Esta contribución foi recollida en leis, para garantir polos medios públicos que for preciso, para ter como destino o pagamento de pensións, reiteramos, da forma que fose necesario. Non hai argumento que valla de se hai ou non fondos. Habería que ser responsábeis e gobernar ben do que se dispoñía: non é por solidariedade; é por xustiza, unha equitativa, e outra redistributiva. Imaxinemos se se aducise un plan de redución dos fondos destinados á comida infantil dicéndolle aos nenos que se busquen a vida. Sería inaudito. Pois acaban de dicer que non se poden desconxelar as pensións porque non hai fondos.

Comentarios