Opinión

Xeografías da desigualdade

A DEFENSA da lingua propia e da cultura, posta en valor do patrimonio, protección das minorías, ampliar e blindar as libertades, ofrecer oportunidades iguais para todos. Todo iso é progresista. Os privilexios dos poucos, o dereito a ter dereitos de minorías que o negan ás maiorías, sempre é retrógrado, cheo de medos.

Ademais das persoas e institucións, conta a xeografía. E a xeografía é desigual. Ventos da historia arrastran e empurran aquí e acolá. Ás veces son conquistas igualadoras, outras, condenan territorios enteiros, as Españas Baldeiras, as Laponias españolas.

Negocio político ben triste é cando se constrúen identidades contra o outro, separando veciñanzas tecidas ao longo de séculos. Esquecendo que o mellor irmán é o máis próximo, e o futuro, a mestizaxe.

Forzas de progreso tentan explicar o mundo desde a igualdade. E traballan pola unificación tendendo pontes entre persoas. O conservadurismo aposta pola separación, o American First, o Brexit, as Padanias que reclaman o dereito a decidir a secesión dos ricos. E crean desde os mitos, identidades históricas.

España non é país grande. Tampouco Galicia. As dúas soportan a ruptura entre o rural baldeiro e as cidades cheas. Semella unha fenda insalvable. O rural envellece, esmorece, desertízase. Non parece haber salvación para el. As súas paisaxes idílicas sobreviven nos contos infantís e nas ben editadas reportaxes da natureza. O territorio vístese de desigualdade de rentas, demografía, oportunidades, futuro. Desadornado de xente, sen mocidade, avanza imparable o monocultivo do eucalipto. E reprodúcense ata seren praga bíblica os xabarís.

O progreso, a produtividade, as novas tecnoloxías avanzan imparables no mundo urbán, ecosistema morno para creadores e emprendedores. Pero incluso as cidades son xeografía. E rompen. Cidade rica, cidade pobre. Suburbios infradotados e urbanizacións exclusivas. Villas miseria e countries.

Os bos traballos, é dicir, os soldos decentes, os traballadores cualificados crean o seu mundo estanco, os seus Silicon Valley. E independízanse dos prescindibles, white trush, xentiña sen cualificación.

Os poderosos modelan as políticas ao seu favor. Estámolo a ver na América abominable de Trump, na Inglaterra de Mai, en países do Leste onde medra vizosa a xenofobia. Aquí, en Cataluña. Crean compartimentos estancos reacios ás políticas sociais e ao crime de redistribución, recunchos de perdedores.

Da man dunha xeografía humana de xeonllos ante unha economía desapiadada, medran as desigualdades. A que rompe o país en rural e urbano. A que separa a cidade entre guetos e urbanizacións, barrios para ricos e coelleiras para pobres. A que abre fendas entre deserto interior e periferias costeiras. Xeografías da desigualdade.

Comentarios