Suso de Toro publicará un novo libro en febreiro despois de oito anos

O escritor volve á actividade literaria coa novela Fóra de si 

El escritor Suso de Toro. AEP
photo_camera El escritor Suso de Toro. AEP

O escritor Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) publicará o próximo mes de febreiro a novela Fóra de si (Edicións Xerais), a súa primeira obra desde que hai case oito anos anunciara que deixaba a actividade literaria para regresar exclusivamente á docencia.

Nunha entrevista no portal de internet da editorial, De Toro confirma ademais que tamén renovará o seu labor de articulista regular na prensa galega –xa o fai noutros espazos en Cataluña e en Madrid– coa sección Cinco feiras no diario dixital Sermos Galiza.

De Toro asegura que volveu á narrativa de ficción "para divertirse" e porque realmente lle gusta. "Non paran de ocorrérseme historias e desafíos literarios. A xente non sabe que quen escribimos estamos infectados, colonizados, de linguaxe. E que nos transformamos ao escribir. Tampouco sei estar quieto, claro", concede.


"Cataluña é a fronte pola democracia no Estado español e non tomar botellíns na Porta do Sol"


En calquera caso afirma que non lle dá "moita importancia" á nova novela e sinala que é unha novela moi súa, da que o editor (Xerais) está "contento".

O autor é moi activo nas redes sociais, onde se mostra moi crítico coa actuación do Goberno e dos poderes do Estado en Cataluña. "Eu impliqueime, con outra xente, na construción dunha candidatura nacional (BNG). É terrible que non exista unha expresión galega mínima no Congreso, sobre todo neste momento histórico. Iso e o proceso catalán empuxáronme a Twitter", sinala De Toro.

O escritor afirma que "Cataluña é a fronte pola democracia no Estado español e non tomar botellíns na Porta do Sol. É un movemento republicano e democrático", afirma sobre a imaxe dos líderes que selou o pacto entre EU e Podemos. "Non vexo que EU cuestione a Monarquía; aínda que si que o fai Podemos, que a critica, e critica tamén o 155", sinala.

Nunha resposta ao artigo publicado na rede social Twitter, o propio De Toro a través do seu perfil responde: "Pois (así) é. Reincidín".

Comentarios