O escocés Sir Alex Ferguson, que dirixiu ao Manchester United durante 26 anos, foi operado de urxencia este sábado dunha hemorraxia cerebral, informan os medios ingleses.
O club de Old Trafford informou de que a intervención á que foi sometido fora ben, pero que o extécnico precisa dun período de coidados intensivos, así como que a familia solicita intimidade.
Ferguson, de 76 anos, conduciu ao United a lograr 38 títulos en 26 anos no cargo, que deixou en maio de 2013.
A última aparición mediática que se lle recorda produciuse o pasado domingo en Old Trafford, cando entregou ao francés Arsene Wenger, adestrador do Arsenal, unha placa en recoñecemento ao seu labor co conxunto londiniense, que deixará cando termine a campaña.