Galicia dispara as exportacións un 31% co tirón do automóbil

A industria galega do automóbil duplicou as vendas ao exterior en marzo ao alcanzar os 893 millóns
Vehículos en el puerto de Vigo.EP
photo_camera Vehículos en el puerto de Vigo.EP

Coa automoción como principal motor, as empresas galegas pecharon marzo cun marca exportadora ao comercializar mercancías no estranxeiro por valor de 3.019 millóns de euros, o que supón un repunte do 31,13% en termos interanuais. Con esta evolución, no primeiro trimestre as vendas a outros países superaron os 7.319 millóns, co que acumulan xa un crecemento do 8,2%. No mesmo período, as importacións contraéronse un 13% ao chegar produtos á comunidade por valor de 5.293,9 millóns.

Con esta base, a balanza comercial arroxa un resultado positivo, pois o exportado no trimestre supera o valor do comprado noutros países en máis de 2.000 millóns, o que supón triplicar o saldo de 2022.

Segundo o informe publicado polo Instituto Galego de Estatística en base aos ficheiros de Aduanas, o automóbil levou a voz cantante ao acaparar o 29,6% das exportacións. Coa factoría de Stellantis como catalizador e nun contexto inflacionario, exportáronse automóbiles por valor de 893,1 millóns, o que supón un aumento do 158% nun ano. No campo do transporte, aínda que cun valor significativamente inferior, destacan os resultados do naval, que viu multiplicarse por 24 os seus rexistros ao marcar en marzo un volume exportador de 69,3 millóns.

Grazas a Inditex, o téxtil é o segundo sector de Galicia con máis proxección fóra. En marzo, saíron cara a outros países prendas e complementos de vestir por valor de 536,7 millóns, 3,9% máis. Sumando á roupa a exportación de fibras e outros tecidos, o téxtil leva o peso do 21% das exportacións autonómicas.

O terceiro alicerce é a alimentación. E neste campo, o peixe e o resto de froitos do mar son os reis con exportacións por 183,5 millóns en marzo, un 24% máis.

¿Que países demandan os produtos galegos?

O continente europeo é o destino do 79,9% e, dentro destas fronteiras, en marzo Francia, Portugal e Italia foron os principais clientes. Ampliando míralas, Marrocos concentrou o 5,5% da demanda.

Cos combustibles como principal material importado, xunto co téxtil e os automóbiles, Portugal (14,7%), China (10,4%) e Francia (10,1%) son os primeiros mercados de orixe das mercancías adquiridas polo tecido produtivo galego.

Comentarios