Un choque múltiple en Nigrán sáldase con dous feridos

No sinistro víronse implicados catro vehículos

Dúas persoas resultaron feridas na tarde deste luns en Nigrán, nunha colisión na que se viron implicados catro vehículos. 

Segundo informou o 112, o accidente tivo lugar na PO-552, en concreto no punto quilométrico 11, ao fío das 15.55 horas. 

Foi entón cando os axentes da Policía Local de Nigrán alertaron do ocorrido ao 112, cuxo persoal trasladou o aviso ao 061, ao GES do Val Miñor e á Garda Civil de Tráfico.

SAÍDA DE VÍA EN TUI. Tamén este luns, en Tui, unha persoa tivo que ser excarcerada polos bombeiros do Porriño tras saírse da vía o turismo no que viaxaba. 

Ademais, debido ao accidente, víronse afectados un poste da iluminación pública e outro da liña telefónica. Sucedeu na A-55, na saída Tui Norte, en sentido Portugal. 

O 112 tivo constancia do sinistro uns minutos logo das 16.15 horas, a través da alerta dun particular. Alertou á Garda Civil de Tráfico, aos bombeiros do Porriño, á Policía Local e ás empresas subministradoras de electricidade e conexión telefónica. 

DOUS FERIDOS NA RÚA. Ademais, nesta xornada, dúas persoas foron trasladadas a un centro hospitalario tras sufrir unha saída de vía no termo municipal da Rúa. Ocorreu no punto quilométrico 468 da N-120, ao fío das 16.50 horas. 

Segundo indicóuselle ao 112 Galicia, tamén no mesmo punto tivo lugar unha colisión por alcance entre dous vehículos, cuxos ocupantes detiveran a marcha para socorrer ás persoas feridas na saída de vía. Neste caso, non houbo que lamentar danos persoais. 

Varios particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do sinistro e indicaron no seu relato que un dos feridos estaba atrapado. Así, ata o lugar do sinistro acudiron, tras recibir o aviso, efectivos sanitarios do 061, os bombeiros e o GES de Valdeorras, a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico. 

Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Valdeorras descartaron empregar o material de excarceración. Iso si, axudaron ás persoas a saír do coche, que acabou nunha posición que impedía aos seus ocupantes saír polo seu propio pé.