Unha exedila do PP cesada polo alcalde de Baiona denuncia despedimento improcedente

O rexedor, Ángel Rodal, alega que Ángeles Silva ocupaba "un cargo de confianza" e que "cando non hai confianza, ese cargo non pode seguir contigo"

 

Unha exconcelleira do PP que traballaba no Concello de Baiona e á que cesou o alcalde, o tamén popular Ángel Rodal, emprendeu accións legais en busca de acreditar que, a pesar de ser fichada como "cargo de confianza", desempeñaba funcións equiparables ás dunha administrativa, e denunciar que o seu despedimento foi improcedente. 

En declaracións a Europa Press, Ángeles Silva, quen foi concelleira do PP durante oito anos, explicou que foi fichada posteriormente como cargo de confianza primeiro por parte do ex-rexidor baionés e actual conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.  Ao abandonar este o Consistorio para ocupar o seu novo cargo na Xunta, cesou e volveu ser contratada por Rodal en canto este relevou formalmente a Almuiña na Alcaldía. 

Con todo, a pesar do seu contrato como cargo de confianza, a exedila afirma que desempeñou "todo tipo de funcións" equiparables ás "dunha funcionaria ou de persoal laboral", sobre todo de carácter administrativo. 

"Estiven no pavillón de deportes, en Urbanismo ou en Servizos Sociais, cubrín baixas ou ausencias de persoal...", relatou Silva, quen explicou que, unha vez asesorada, decidiu pedir pola vía administrativa no Concello que se declarase o seu posto como "persoal indefinido non fixo coa categoría de administrativo".

PEDIRÁ A BAIXA DO PP. Explicou que presentou o escrito no Concello o pasado 19 de febreiro e que, para a súa sorpresa, á marxe da "rápida" resposta negativa –co que o seguinte paso sería que se pronunciase o Xulgado do Social–, o alcalde deulle "un sobre" no que ratificaba o seu cesamento e "agradeceulle os servizos prestados". Nesta conxuntura, á marxe da súa demanda laboral, emprendeu accións legais por despedimento improcedente "por represalias". 

Ademais, a exedila prevé desvincularse do PP. "Vou enviar un correo ao partido en Pontevedra coa miña baixa e enviarei por carta o mesmo xunto ao meu carné", trasladou a Europa Press.

"SE NON HAI CONFIANZA O CARGO NON SEGUE". Pola súa banda, consultado por Europa Press, o alcalde de Baiona rexeitou pronunciarse sobre este caso e limitouse a incidir en que Ángeles Silva ocupaba "un cargo de confianza". 

"É un cargo de confianza, e cando non hai confianza, ese cargo non pode seguir contigo", limitouse a manifestar o rexedor. 

Comentarios