O condutor dun ciclomotor perdeu a vida na mañá deste luns ao caer do vehículo no que viaxaba no Saviñao.
O suceso tivo lugar á altura do quilómetro 0,600 da estrada comarcal que vai de Escairón a Marrube, a apenas un quilómetro de distancia da vivenda da vítima.
O aviso do accidente deuse ao fío das 8:30 horas, cando supostamente a victima levaba varias horas falecida. O corpo do home, de orixe romanesa e de 39 anos de idade, apareceu nunha cuneta xusto á beira da moto cun forte golpe na cabeza.
Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do sucedido, cuxas causas están a investigarse.
Acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Urxencias 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil da localidade e dos Bombeiros de Chantada.
Unha vez no lugar do accidente, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento do home.