A Autoridade Portuaria de Vigo destinará "un millón de euros" do fondo de compensación interportuario a acondicionar o faro das Illas Cíes e o de Cabo Silleiro en 2019 pensando nun futuro "uso hostaleiro".
O Porto de Vigo trasladou este luns que acondicionará os dous faros centrándose en mellorar "e modernizar as fachadas e o contorno" de ambas as edificacións, así como "o camiño de acceso" ao faro de Cíes.
O obxectivo da Autoridade Portuaria é, segundo informaron, "ofrecer estas edificacións a posibles concesionarios hostaleiros" unha vez rematados os traballos de acondicionamento o próximo ano.
Este anuncio chega logo da reunión do Comité para a Distribución do Fondo de Compensación Interportuario celebrada este luns en Valencia onde se anunciou que repartirá "52,5 millóns de euros entre as 28 autoridades portuarias" do país.