Galicia rexistra este mércores 533 casos activos de covid-19, tres máis que o día anterior, nunha xornada na que se detectaron 37 novos contagios, dez máis, uns datos que xunto á incidencia acumulada e as hospitalizacións apuntan á estabilización da pandemia na comunidade, salvo na área de Ourense, onde os infectados seguen en aumento.
Tras tres días sen publicar os datos de incidencia acumulada, o Ministerio de Sanidade confirmou onte tarde que Galicia segue sendo a única comunidade con indicadores de nova normalidade, con 19,1 casos por cada cen mil habitantes a dúas semanas, un punto máis que o sábado, e moi lonxe da media, que se sitúa en 49 casos.
A sete días, en cambio, a incidencia baixa un punto desde o sábado, ata os 9,85 casos por cada cen mil habitantes, por 23 da media de España.
Segundo o Servizo Galego de Saúde, ata as 18 horas do martes había en Galicia 32 persoas hospitalizadas por esta enfermidade, seis delas en unidades de críticos, o mesmo número; e 26 en planta, dúas máis.
Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 183.322 persoas, das que se curaron 180.170 e faleceron 2.653, unha delas nas últimas horas.
Por áreas sanitarias, a de Ourense segue en ascenso e chega a 126 casos activos tras detectar 12 novos contagios e está a piques de alcanzar á da Coruña, que rexistra 134 infectados.