As vítimas do suposto secuestro din que houbo engano e sufriron agresións

Pensaron que ían traballar e continuaron retidas por medo ás represalias

Dúas das vítimas dun presunto secuestro na Coruña relataron ante o tribunal que foron enganadas polos acusados, pois pensaron que ían traballar e despois continuaron supostamente retidas por medo, pois aseguraron que sufrían agresións. A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolleu este xoves, e volverá facelo este venres, o proceso contra catro procesados, todos eles familiares, para os que a Fiscalía pide entre 55 e 91 anos de prisión por varios supostos delitos ocorridos entre 2011 e 2015.

Durante a súa declaración, os imputados, que optaron por responder unicamente a preguntas dos seus avogados, negaron cometer o suposto secuestro e manter contra a súa vontade a seis persoas que se encargaban de distintas tarefas, algunhas no fogar, dos procesados. Mantiveron que foron as presuntas vítimas quen pediron axuda polos seus problemas económicos ou sociais, pois entre elas había tres indixentes, e eles acolléronos de xeito voluntario e sen obrigalos a permanecer xunto a elas.

Consideran que as denuncias posteriores producíronse por "resentimento", polo que negaron todos os feitos que se lles imputan e solicitan a libre absolución. As dúas vítimas que declararon este xoves coinciden en que foron os acusados quen lles dixeron "se querían traballar con eles", ao que un deles aceptou porque "estaba só" mentres que outro fíxooo "porque pensaba que ía ter un contrato de traballo".

A ambas as vítimas "algunha vez" pegáronlles "por non traballar ben", un dos procesados golpeou a un deles "cun anel na cabeza e cun pau" e ao outro "cun cinto" e deulle "patadas, puñadas moitas veces". Esas agresións tamén foron realizadas pola muller do acusado principal, que chegou a pegar ás vítimas "cun pau de escoba" e a chamarlles "can" para referirse a unha delas, sempre segundo a versión dos supostos secuestrados.

Ambos declararon que "intentaron marchar" de onde vivían cos procesados, pero que eles os "volveron a coller" e volvéronos "levar onde eles vivían". Coincidiron en que os acusados cobraron as súas pensións tras obrigalos a facilitar os códigos das súas tarxetas bancarias, para poder retirar o diñeiro do caixeiro. "Un agarroume mentres outro me pegaba, meteume a man no peto e quitoume a carta do banco, esixíronme o PIN", relatou un das vítimas.

A unha delas, que cobraba 360 euros, dábanlle cincuenta para que "tabaco e café", o único diñeiro co que lle pagaban os traballos que realizaba a pesar de ser da súa propiedade, segundo relatou. Un deles dixo que non se ía de alí "porque lle tiña medo" ao acusado principal, e engadiu que el "non quería estar alí", e o temor foi o motivo polo que volveu logo de escapar.

Comentarios